lunes, 29 de noviembre de 2021

 

ELABORAMOS UN PLANISFERIO CELESTE 

E APRENDEMOS A UTILIZALO

             Dentro das actividades que estamos realizando arredor da Astronomía, enmarcamos a elaboración dun planisferio celeste, imprescindible para quen desexe iniciarse neste ámbito científico. Nesta ocasión foron os/as máis pequenos do Club os/as encargadas de levalo a cabo.

              Un planisferio é un mapa de estrelas que nos permite saber que aspecto ten o ceo nunha data determinada. Conta cun mapa no que aparece debuxadas as constelacións e as estrelas máis brillantes. Está unida polo medio a unha cuberta circular superposta que xira ao redor e presenta unha ventá elíptica que, previa selección do día e da hora, permítenos observar a porción do ceo que se pode observar nese momento concreto. Para a súa elaboración contamos cun modelo que tras ser recortado e unido adecuadamente forma o noso planisferio celeste.

              Unha vez que todos e todas xa tiñan cadanseu planisferio, aprenderon a usalo para obter toda a información que nos pode proporcionar: constelación, estrelas e galaxias que podemos observar no ceo nocturno. Iso si, lembrade que cada planisferio só é válido para unha latitude en concreto, polo que o noso non servirá para os lugares situados noutras latitudes.

 

CHARLA SOBRE O IMPACTO DO LIXO MARIÑO

          Un ano máis dentro do programa “ Para unha transición ecolóxica” o biólogo e monitor do CEIDA, Jorge Gude impartiulle ao alumnado de 1º da ESO, que previamente participara na limpeza e recollida de plástico na praia de Traba, unha charla sobre o impacto do lixo mariño nos oceános.

            A contaminación mariña polos plásticos representa unha serie ameaza para os peixes e as aves mariñas, que son excelentes bioindicadores do estado de saúde dos ecosistemas mariños. O alumnado tivo a ocasión de comprobar como nas egagrópilas (bólas formadas polos restos de alimentos non dixeridos que algunhas aves regurxitan) aprécianse claramente restos de vidros e plástico.

Nas fotos podedes ver egagrópilas de gaivota recollidas nas Illas Sisargas.

miércoles, 24 de noviembre de 2021

CONMEMORAMOS O 25N NO CLUB DE CIENCIA

     Dende o Club de Ciencia defendemos a igualdade e rexeitamos a violencia de xénero. Por iso o alumnado de 4ºESO tivo a semana pasada un taller de papiroflexia para realizar andoriñas que simbolizasen ás mulleres voando en liberdade. A composición resultante colga o 25N na entrada do Centro para que todos e todas nos sensibilicemos desta esta lacra social.

 SOLUCIÓN_ VII RETO CIENTÍFICO

    José Pereira achéganos a solución do derradeiro reto científico lanzado neste Mes da Ciencia en Galego 2021. 

        

 

domingo, 21 de noviembre de 2021

 

COIDA O MEDIO AMBIENTE, RECICLA O TEU ACEITE

          Na segunda reunión co alumnado do Club de Ciencia empezamos a traballar nun dos proxectos estrela deste curso: o da reciclaxe. Nesta ocasión centrámonos nun dos residuos máis habituais nos nosos fogares como é o aceite usado e decidimos elaborar xabóns como se facía antano e que poderán ser utilizados dentro de pouco para a limpeza do material de laboratorio. Explicóuselles a reacción de saponificación (entre as graxas presentes no aceite e a base forte para dar lugar á formación de xabón).

      De non reciclarmos o aceite para a fabricación de xabóns, outra opción máis sinxela é almacenalo en botellas de plástico e introducilas nos colectores de reciclaxe para que sexa xestionado de xeito efectivo e non perigoso `para o medio ambiente dado que ten un poder contaminante moi elevado.

      Como aínda nos quedaba tempo nesta xuntanza, aproveitamos para a producir vaselina perfumada personalizada. Partindo de vaselina base, cadaquén engadiulle a cor e a esencia que máis lle atraía entre as dispoñibles e gardamos o produto final nun bote de plástico para o seu posterior uso. 

             Ademais seguindo as pautas do noso proxecto de reciclaxe reutilizamos os brik de leite para que nos servisen de utensilio para as nosas preparacións.