miércoles, 15 de junio de 2022

 PERCORRIDO DIDÁCTICO POLO BOSQUE DO NOSO CENTRO

       A última actividade do Club de Ciencias foi que rapaces e rapazas dos distintos grupos da ESO fixesen un percorrido polo bosque do Centro e respondesen o seguinte cuestionario coa guía informativa que aparece nos 20 paneis informativos repartidos polo mesmo. Paneis nos que figura o nome científico e en galego da árbore, unha ilustración da mesma e un código QR. Polo que tiveron que utilizar o teléfono móbil para acceder á información máis detallada sobre cada unha das árbores, os seus usos e a poemas que lle dedicaron escritores galegos. 

CUESTIONARIO                                                            

  1. Cantas árbores froiteiras hai no noso centro? Escribe os nomes. 
  2. Cantos anos cres que teñen os carballos máis vellos do centro ? Cantos anos pode chegar a vivir un carballo? 
  3. Como se chaman os froitos do carballo? Debuxa a súa folla.
  4. Para que se usa a madeira de abeleira?
  5. De que cor é a cortiza da bidueira? Porque é importante a súa conservación?
  6. Cal é o nome científico do castiñeiro? Que son os soutos? Por que se chamaron as patacas “ castañas da terra"?
  7. Para que se emprega a madeira do ameneiro?
  8. Cantos anos teñen os chopos brancos do noso centro? Escribe o poema que que Miguel Angel Garcés lle dedicou a estas árbores?

GOZANDO NOS PREMIOS DígochoEu

    Onte martes asistimos á entrega de premios #DígocheEu para centros educativos nos que participamos e, aínda que non conseguimos ningún, pasámolo moi ben. Orgullosos da nosa participación: Gabriel, Ismael, Marta, Martín e Nerea achegamos o noso gran de area difundindo termos informáticos en galego.

Parabéns e Dígocho Eu TVG - digochoeu.gal pola organización, ao resto de participantes e aos gañadores.


martes, 14 de junio de 2022

OS PENEDOS DA COSTA DA MORTE

        Os Penedos da Costa da Morte son mostra dunha fermosa historia de sismos, volcáns, grandes colisións continentais e incluso da apertura dun gran océano. O Monte Pindo é un dos escasos exemplos de cantil formado na separación de dous continentes, Europa e Norteamerica. Pasear polos Penedos de Traba e Pasarela é facelo pola historia dos últimos 300 millóns de anos; así pois, ademais de ter un gran valor paisaxístico, posúen un valor científico xa que nos axudan a estudar a coñecer a historia xeolóxica de Galicia. Pero... están constantemente ameazados pola acción do home: neste momento hai un proxecto de instalación dun parque eólico de nove aeroxeneradores no seu corazón. Debemos mobilizarnos para evitar esta desfeita nesta fermosa paisaxe protexida.

Se queres saber máis, olla o documento que vos deixamos aquí embaixo.


lunes, 6 de junio de 2022

 ENTREGA DE PREMIOS_RELATO DE CIENCIA FICCIÓN

        Ademais de entregar os diplomas da II Edición do Club de Ciencias, aproveitamos a sesión de hoxe para facer entrega do gañador do concurso "Un relato científico". O Club de Ciencia non só fai fincapé na formación do alumnado senón que tamén lle dá importancia á divulgación das investigacións dos futuros científicos. Dun xeito moi básico é o que pretendiamos con este concurso no que tiñan que escribir un texto de ciencia ficción no que aparecese determinado vocabulario relacionado coa Física ou a Química, e ao que non se presentaron moitos, pero si orixinais e de calidade polo que non foi fácil tomar unha decisión. Con todo a historia gañadora foi a escrita por Sergio Suárez de 4º de ESO, pero tamén destacaron os relatos dos seus compañeiros, Marina García e Brais Lema.

ENTREGA DE DIPLOMAS

    Hoxe 6 de xuño fíxose entrega dos Diplomas da 2º edición do Club de Ciencias a todo o alumnado que participou activamente no mesmo. Foron as profesoras Begoña e Luchy as encargadas de darlles o título que encheu de satisfacción aos e ás participantes que durante moitos luns se reuniron para aprender e desenvolver Ciencia.

Parabéns a todos e todas e esperamos que no novo curso escolar se unan máis membros!