martes, 21 de diciembre de 2021

 

FACEMOS VÍNCULO

CUNHA CHOCOLATADA CON GALLETAS E CROISSANTS

        No Club somos conscientes da importancia de reunións nas que se comparte comida nun ambiente relaxado, pois axudan a crear un maior vínculo entre nós e ademais son sinónimo de celebración. Celebración por pertencer a un grupo de persoas que comparten a mesma afección: estudar, investigar, descubrir Ciencia. Por iso decidimos despedir este trimestre cheo de actividades compartindo todos os membros do Club unha chocolatada con galletas e croissants que, por certo, estaban deliciosos! 

 

COIDEMOS O MEDIO AMBIENTE RECICLANDO PILAS

       Seguimos coas distintas iniciativas arredor da reciclaxe. Nesta ocasión no Club de Ciencia decidimos participar na 3ª edición do Concurso Pilabot co obxectivo de realizar unha recollida selectiva de pilas para reciclar e protexer o medio ambiente minimizando a contaminación xerada polos residuos de pilas.
           Por iso, o primeiro que fixemos foi crear o cartel publicitario da actividade que pegamos por todo o centro para solicitar a vosa axuda e, ao mesmo tempo, para lembrarvos que non podedes diminuír o noso esforzo durante a colleita que durará seis semanas.  
       Nestes últimos días lectivos antes das vacacións de Nadal repartímosvos cadanseu contedor de recollida de pilas para que os vaiades enchendo coas que teñades nos vosos fogares. Lembrade que o centro que máis pilas recolla, máis oportunidades de gañar premio terá!


 

DERRADEIRA E FRUTÍFERA REUNIÓN DO 2021

    Xusto antes das vacacións de Nadal reunímonos os e as integrantes do Club, e abofé que mereceu a pena. Para empezar entregóuselles o xabón que elaboraran na anterior reunión despois de estar máis de 30 días curando. Despois fabricaron neve artificial coa que fixeron unha creación artística.

    A continuación experimentaron a reacción do vinagre na neve artificial (bicarbonato de sodio) e comprobaron que provocaba a desaparición do seu adorno e a creación de burbullas de CO2. 

E...aínda tivemos tempo de facer papiroflexia. De verdade que a xuntanza resultou moi proveitosa!