lunes, 30 de enero de 2023

Cociña molecular

             Hoxe na reunión do Club de Ciencias elaborouse falso caviar con diferentes produtos  (iogur, zume, infusión, batido de cacao...). Empregando agar-agar como xelificante conseguimos unha textura adecuada e cun contraste térmico fomos capaces de formar boliñas que forman o noso caviar. Unha vez rematada a súa elaboración, levouse a cabo a súa cata para valorar os diferentes sabores.



miércoles, 11 de enero de 2023

Nadal de aproveitamento


    
Dende o Club de Ciencia, co gallo das numerosas reunións que temos arredor da comida en Nadal, quixemos achegarnos a un problema de dimensións alarmantes: os residuos alimenticios.

    Os residuos alimenticios fan referencia a aqueles alimentos seguros e nutritivos para o consumo humano que son rexeitados e perdidos ao longo da cadea de subministro alimentario: dende a produción inicial ata o consumo final nos fogares. É necesario reducilos polas consecuencias sociais, medioambientais e económicas que teñen. Por iso un grupo de alumnos e alumnas fixeron exposición explicativas do problema ante os/as compañeiros/as antes do Nadal e durante o mesmo elaboraron receitas para aproveitar as sobras. O vídeo de arriba resume esta iniciativa.


lunes, 9 de enero de 2023

Fonte de Heron con material reciclado

 Os alumnos e alumnas de 1º de FP Básica aproveitaron o estudo dos tipos de enerxía para fabricar unha fonte que funciona sen necesidade de empregar ningún motor nin enerxía eléctrica: a fonte de Herón. Con esta actividade démoslle unha nova vida a todas esas botellas de plástico que usamos diariamente ao tempo que aprendemos un pouco sobre o comportamento dos fluídos.

A síntese do primeiro polímero totalmente sintético, a baquelita, por parte do estadounidense Leo Baekeland alá polo 1907 supuxo unha revolución no mundo dos materiais, pois foron os cimentos a partir dos cales se iniciou toda a investigación de novos polímeros. Este polímero contaba con propiedades tan interesantes como que era illante da electricidade, químicamente inerte, moldeable e fácilmente tinguible, polo que a súa aplicabilidade na construción de carcasas de electrodomésticos ou enchufes mellorou significativamente a calidade de vida da sociedade do momento. A partir de aí, logo comezarían a xurdir novos materiais poliméricos máis versátiles, con múltiples utilidades, como son o poliéster, o PVC, o nailon, o poliuretano ou o teflón. 

Desafortunadamente, a produción masiva de plásticos ten tamén unha cara menos amable: a contaminación. Esta débese fundamentalmente a que ás técnicas de xestión e tratamento dos residuos plásticos aínda lle falta moito por desenvolver. Na retina de todos está a imaxe da isla de lixo ao norte do Océano Pacífico onde os residuos se expanden por 1,6 millóns de Km2 (casi tres veces o tamaño de Francia) ou as noticias que aparecen día tras día nos medios de comunicación nas que os expertos nos advirten de microplásticos presentes no peixe que comemos.

Tendo en conta que cada minuto se compran un millón de botellas de plástico, e que en España soamente se recicla o 11% dos residuos plásticos, é preciso concienciar ao alumnado da necesidade da reciclaxe. De aí que o alumnado de 1º de FPB decidise poñerse mans á obra e crear a fonte de Herón que podestes ver no vídeo de arriba, proxecto no que se conxuga estudo das enerxías, reciclaxe, curiosidade e bo facer por parte de Mar, Sheila, Kevin, Fabián, Leo e Omar.