lunes, 21 de noviembre de 2022

Posibilidades nutritivas do mundo mariño

                                

Hoxe o alumnado de 1º e 2º de ESO tivo a oportunidade de achegarse ao coñecemento do mundo mariño e ás posibilidades nutritivas que nos ofrece a través do programa Fai clic ao teu bocata, promovido pola Consellería do Mar. Fíxose fincapé nun dos grupos de alimentos menos consumidos nas nosas casas: o peixe.

Dunha maneira moi dinámica e unha metodoloxía activa e participativa expúxoselle ao alumnado a importancia dos nutrientes esenciais que nos proporcionan os alimentos que extraemos do mar, e defendeuse unha maneira moi saudable de comer peixe e marisco: as conservas.

Fíxose unha pequena aproximación a algúns dos peixes e mariscos máis coñecidos, os berberechos, os mexillóns, o polbo e o atún, o que nos permitiu coñecer un pouco máis as súas características, os beneficios que nos achegan, como se capturan e, nalgúns casos, como se crían, extraen e como se preparan para as conservas.

E para exemplarizar todo isto, a medida que se facía a exposición destes contidos, unha cociñeira foi elaborando uns saborosos bocadillos para o recreo a base de pan, sardiñas en conserva, queixo, leituga e tomate. Unha mostra do que pode ser unha comida moi saudable, con alimentos de calidade, fácil de elaborar e riquísima!

Dende o Club de Ciencia, sen dúbida algunha, pensamos que é un moi bo xeito de achegar ao alumnado ás especies mariñas, á vez que se fomentan hábitos de vida saudable.

lunes, 14 de noviembre de 2022

Proxecto estatístico. Xerminación

 


 Ao xerminar as sementes, tomamos os datos oportunos e tiramos conclusións estatísticas. Empregamos tres tipos de sementes: fabas, lentellas e millo. Este ano o millo era novidade e xa tivemos con el un gran éxito, o mesmo que coas lentellas. No caso das fabas non obtivemos resultados positivos, polo que as tivemos de desbotar.



miércoles, 2 de noviembre de 2022

Fotografía Matemática


        Por segundo ano consecutivo dende o Club de Ciencia animámosvos a botar unha ollada á vosa contorna para que vos deades conta de que as matemáticas están por todas partes. Collede o voso móbil, se tendes cámara fotográfica mellor, e tirade fotos que reflictan dunha maneira directa algún concepto matemático. Despois poderedes explica exactamente que é o que se amosa na foto e, a final de curso faremos unha exposición con todas as que nos enviedes. Veredes como se converte nunha ferramenta didáctica que, ademais de aprender, estimula a vosa creatividade!

Reto 1. As raíces do vidro

 

Xa temos que afrontar o primeiro reto da GeneraciónECO e xira arredor do vidro.   Este ano, 2022, foi declarado pola ONU Ano Internacional do Vidro para destacar a importancia deste material que forma parte da nosa vida diaria. Este primeiro reto pretende que tomemos conciencia da problemática na elaboración do vidro que utilizamos centrándonos na súa xeración, no impacto que ten no medio e os múltiples usos que se lle poden dar a este material dándolle o alto valor que ten.

Cando depositamos un envase de vidro no iglú verde poñemos en marcha o seguinte círculo  perfecto. Fíxate nas fases desde que o depositamos no colector ata que se converte nun novo.

 

Animámosvos a todos e a todas a darlle voltas á cabeza para afrontar este primeiro reto.

martes, 1 de noviembre de 2022

Taboleiro Matemático _Samaín


Durante estas datas podedes observar no taboleiro científico figuras feitas no obradoiro de origami ( meiga, pantasma e morcego) , caleidociclos e ilusións ópticas. Ditas figuras empregan unha gran variedade de conceptos xeométricos e fomentan a capacidade espacial, xeométrica, abstracta... en total,
fomentan o uso das matemáticas máis alá dun libro e un caderno.