lunes, 30 de mayo de 2022

 

ACTUALIZACIÓN DO GLOSARIO DE TERMOS TECNOLÓXICOS


        Este curso o alumnado de 2º curso do Ciclo Básico de FP de Informática de Oficina seguiu coa actualización do Glosario de termos tecnolóxicos relacionados cos sistemas operativos, as redes de telecomunicacións, os compoñentes dun ordenador, as aplicacións informáticas, etc.

Cada alumno/-a elixiu unha temática e engadiu dez novos termos ao glosario. Buscou como se coñece esa palabra en galego, castelán e inglés e propuxo unha definición.

Continuaremos co proxecto do glosario nos vindeiros cursos engadindo novos termos. O glosario de termos está accesible en Internet desde a ligazón: https://agueiro.xunta.gal/view/view.php?t=7AhaPB0ecjnIdypbRlNM 

domingo, 29 de mayo de 2022

 FOTOGRAFÍA MATEMÁTICA

        Durante este ano académico levamos a cabo un proxecto de fotografía matemática que é aquela cuxo contido ten que ver, de forma clara e evidente, con algún aspecto das matemáticas como a xeometría, a aritmética, o cálculo numérico ou a estadística.

Velaquí as máis destacadas das presentadas polo alumnado: 


 ESTUDO SOBRE A REPRODUCIÓN VEXETAL


        Como anunciamos a principio de curso este ano comezamos co alumnado do Club de Ciencia de 3º de ESO un estudo sobre a reprodución vexetal:o alumnado foi tomando datos do experimento ao longo do curso que nos axudarán a entender este proceso natural. Retomarémolo o próximo curso cun proxecto estatístico.

        


 


miércoles, 25 de mayo de 2022

 

NATUREZA E POESÍA
 
         A poeta e investigadora Dores Tembrás achegouse ao noso Centro para desenvolver un obradoiro sobre Natureza e Poesía ao alumnado de 1º de ESO baixo a sombra das árbores no xardín.
A poeta transmitiulle ao alumnado a través da observación da natureza o seu entusiasmo pola palabra e profundou no concepto de poesía e dos segredos do mecanismo do poema. Despois de recitarlles algúns poemas que tiñan como eixe central a natureza, foi a quenda dos rapaces e rapazas que crearon as súas propias composicións relacionadas coas sensacións, emocións que a natureza da que gozaban lles producía.
Velaquí outro xeito de observar a natureza!



lunes, 23 de mayo de 2022

 ESTUDO ANATÓMICO DAS VÍSCERAS

        Na reunión deste luns os membros do Club fixeron unha práctica con asaduras (pulmóns, corazón e fígado) para coñecer mellor o seu funcionamento. Foron as alumnas de 1º de Bacharelato as que guiaron os seus compañeiros na disección. Despois de preparar o material necesario, explicáronlles como tiñan que facer para separar os órganos.         

       A continuación, unha vez separados os órganos, demostráronlles que, cando poñemos nun vaso de auga un anaco de fígado e outro de pulmón, o primeiro afúndese e o segundo non por mor da cantidade de aire que aínda contén no seu interior e que o fai flotar.

     Finalmente experimentaron con pulmóns e enchéronos de aire coa axuda dun bombín para ver de primeira man como é o seu funcionamento.

A verdade é que resultou unha xornada científica moi ben aproveitada!

 

jueves, 19 de mayo de 2022

 

CREANDO UNHA CÁMARA ESTENOPEICA


                O alumnado de 1º de Bacharelato contou co luxo de participar nun taller de construción dunha cámara estenopeica, toma de fotografía e revelado dirixido polo artista ourensán Lois Cid, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2022 coa mostra Estrutura de fusión que é unha radiografía arquolóxica da paisaxe e das intervencións humanas e que está sendo exposta por distintas vilas e cidades.

            Pero... que é unha cámara estenopeica? Unha cámara escura (ou cámara sen obxectivo), o sistema máis elemental de formación de imaxes utilizado por artistas do século XVI ao XIX. Consiste na substitución da lente por un orificio a través do cal pasa a luz, trasladando a imaxe no soporte fotosensible do outro extremo.

              Cada participante puxo en práctica esta técnica seguindo as indicación do fotógrafo Lois Cid: construción da cámara, realización de fotos, revelado nun laboratorio ás escuras e, finalmente  puideron levar para a casa as fotos tiradas.

           Resultou un taller do máis sorprendente no que o alumnado fixo unha viaxe ao pasado da fotografía e descubriron a maxia da luz!