lunes, 26 de diciembre de 2022

Os cans merecen unha 2ª oportunidade!!!

 

O día 22 de decembro, antes de marchar de vacacións, o Club de Ciencia organizou para o alumnado de 1º e 2º de ESO  unha visita duns convidados moi especiais: o persoal da Canceira de Zas e tres fermosos e agarimosos cans. Con eles coñeceron, en primeiro lugar, importantes nocións sobre os cans, as súas características comportamentais, o seu coidado, como interactuar con eles, etc. Explicáronlles cal é a función da canceira e como traballan para protexer aos cans que sofren o abandono dos seus donos, así como a importancia e os beneficios de adoptar a nosa mascota nunha canceira.

E despois veu a parte práctica e gozosa da visita na que tivemos a oportunidade de coñecer e aloumiñar a tres cans: unha pastora “xubilada”, unha bulideira cadeliña negra e un pequeno canciño de tan só dous meses, que facía a súa segunda saída de excursión desde a canceira.

Queremos agradecer ao Concello de Zas a realización desta actividade e, sobre todo, valoramos o seu esforzo e conciencia para promover este servizo no Concello, que nos parece moi importante e necesario para dar unha segunda oportunidade a uns seres que serán os nosos mellores e máis leais compañeiros.

Agradecidos e admirados polo labor da canceira, marchamos pois de vacacións cun grande desexo de adoptar a un canciño, pero, á vez, moi concienciados de que non se trata dun xoguete: xunto con eles tamén adoptamos un compromiso de coidado e responsabilidade que require un esforzo pola nosa parte, pero que nos proporciona beneficios para o noso benestar físico e psíquico.

 

miércoles, 21 de diciembre de 2022

GeneraciónECO Reto 3: Nadal de aproveitamento

 Xa temos aquí o Reto3 da GeneraciónECO cuxa temática é a alimentación. Un reto para que todos e todas defendamos unha alimentación sostible, saudabel e en harmonía co medio ambiente. O Nadal é unha época de moitas comidas e ceas nas que pode quedar moitas sobras que en ningún caso debemos tirar. Enviádenos as vosas propostas para que podamos aproveitar os desperdicios de xeito saudable.

Velaquí vos deixamos un vídeo no que nos fala de alimentación sostible e medioambiental.

jueves, 15 de diciembre de 2022

Economía circular, a súa importancia e implementación a nivel local

 RECICLAXE PARA NON CONTAMINAR

Na mañá de hoxe, o noso alumnado de 4º da ESO participou no programa escolar sobre Economía Circular da Deputación da Coruña. María Calvo, de Arenaria Coordinación, fixolles ver, a través de distintos exemplos tirados do día a día, como na actualidade vivimos nunha economía lineal (producir, usar e tirar) é que necesariamente debemos substituíla por unha circular poñendo en valor as 7R: un modelo de produción e consumo que implica compartir, alugar, reutilizar, reparar, renovar e reciclar materiais e produtos existentes todas as veces que sexa posible para estender o ciclo da vida dos produtos e, sobre todo, para reducir a toneladas de residuos que se xeran e o impacto que todo o proceso de fabricación implica.

Economía circular, xestión sostible, biorresiduos, residuos téxtiles ou microplásticos foron algúns dos termos aclarados durante a charla. Na segunda parte da charla María centrouse en como poñer en marcha a economía circular a nivel local a través de novo de distintos exemplos como pode ser a recomendación de produtos locais e de tempada para evitar os residuos asociados á importación de produtos.

A cultura de usar e tirar ten un impacto directo non xa na pegada de carbono,senón na sobreexplotación de recursos do planeta. Como María afirmou “O único residuo que non se xera é aquel que non se produce” ou “ É residuo todos aquilo que xa está fabricado para o seu uso”. Queden aquí estas dúas afirmación para que cada un/unha de nós reflexione sobre os seus hábitos de consumo e en que podemos cambiar para protexer o noso planeta.

Deixamos aquí un gráfico das 7R e un vídeo no que se explica a economía circular para quen desexe estar ben informado.