lunes, 21 de noviembre de 2022

Posibilidades nutritivas do mundo mariño

                                

Hoxe o alumnado de 1º e 2º de ESO tivo a oportunidade de achegarse ao coñecemento do mundo mariño e ás posibilidades nutritivas que nos ofrece a través do programa Fai clic ao teu bocata, promovido pola Consellería do Mar. Fíxose fincapé nun dos grupos de alimentos menos consumidos nas nosas casas: o peixe.

Dunha maneira moi dinámica e unha metodoloxía activa e participativa expúxoselle ao alumnado a importancia dos nutrientes esenciais que nos proporcionan os alimentos que extraemos do mar, e defendeuse unha maneira moi saudable de comer peixe e marisco: as conservas.

Fíxose unha pequena aproximación a algúns dos peixes e mariscos máis coñecidos, os berberechos, os mexillóns, o polbo e o atún, o que nos permitiu coñecer un pouco máis as súas características, os beneficios que nos achegan, como se capturan e, nalgúns casos, como se crían, extraen e como se preparan para as conservas.

E para exemplarizar todo isto, a medida que se facía a exposición destes contidos, unha cociñeira foi elaborando uns saborosos bocadillos para o recreo a base de pan, sardiñas en conserva, queixo, leituga e tomate. Unha mostra do que pode ser unha comida moi saudable, con alimentos de calidade, fácil de elaborar e riquísima!

Dende o Club de Ciencia, sen dúbida algunha, pensamos que é un moi bo xeito de achegar ao alumnado ás especies mariñas, á vez que se fomentan hábitos de vida saudable.

No hay comentarios:

Publicar un comentario