lunes, 26 de diciembre de 2022

Os cans merecen unha 2ª oportunidade!!!

 

O día 22 de decembro, antes de marchar de vacacións, o Club de Ciencia organizou para o alumnado de 1º e 2º de ESO  unha visita duns convidados moi especiais: o persoal da Canceira de Zas e tres fermosos e agarimosos cans. Con eles coñeceron, en primeiro lugar, importantes nocións sobre os cans, as súas características comportamentais, o seu coidado, como interactuar con eles, etc. Explicáronlles cal é a función da canceira e como traballan para protexer aos cans que sofren o abandono dos seus donos, así como a importancia e os beneficios de adoptar a nosa mascota nunha canceira.

E despois veu a parte práctica e gozosa da visita na que tivemos a oportunidade de coñecer e aloumiñar a tres cans: unha pastora “xubilada”, unha bulideira cadeliña negra e un pequeno canciño de tan só dous meses, que facía a súa segunda saída de excursión desde a canceira.

Queremos agradecer ao Concello de Zas a realización desta actividade e, sobre todo, valoramos o seu esforzo e conciencia para promover este servizo no Concello, que nos parece moi importante e necesario para dar unha segunda oportunidade a uns seres que serán os nosos mellores e máis leais compañeiros.

Agradecidos e admirados polo labor da canceira, marchamos pois de vacacións cun grande desexo de adoptar a un canciño, pero, á vez, moi concienciados de que non se trata dun xoguete: xunto con eles tamén adoptamos un compromiso de coidado e responsabilidade que require un esforzo pola nosa parte, pero que nos proporciona beneficios para o noso benestar físico e psíquico.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario