viernes, 17 de noviembre de 2023

Xa están entre nós os futuros polos creativos!!!

         O 25 de outubro a Asociación da Raza Galiña de Mos facíanos partícipes dun proxecto de educación avícola que comezou deixándonos unha incubadora chea de ovos desa raza de galiñas para que o alumnado de 1º e 2º ESO puidera observar o nacemento dos pitiños. O mércores 15 de novembro naceron oito, e ao día seguinte volveron visitarnos Diego e Monasterio  para indicarnos os pasos a seguir.

O veterinario Diego Rois expuxo con detalle todos os estados polos que pasa o ovo fértil dende o primeiro día de incubación ata o nacemento dos pitos. Amosoulles cunha lanterna sobre un ovo que non rompeu, como se podía saber se dentro había embrión ou non. Tamén sinalou as características físicas das galiñas e galos de Mos como, por exemplo, que os galos presentan unha crista en forma de chícharo que os diferencia doutras razas ou como as galiñas non teñen ningunha crista; tamén fixo alusión a boa calidade dos ovos e da carne que fai desta raza un produto diferenciado que cada vez se demanda máis.

A Asociación de Raza Galiña de Mos intenta dar a coñecer non só a raza, senón a importancia da súa protección e conservación. Estivo a piques de desaparecer anos atrás porén, coa perseveranza e traballo, puidérona recuperar.

Finalmente, e despois de que os alumnos e as alumnas que quixesen colleran os pitiños nas mans, introducíronse nun galiñeiro móbil construído para a ocasión, para que, cunha lámpada vermella se manteñan a temperatura adecuada e sigan medrando. O alumnado gozou moito con esta experiencia e amosouse moi emocionado coa seguinte etapa que se inicia: a cría e coidado deste animais tan especiais xa para eles.

Velaquí vos deixamos algunhas fotografías da actividade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario