Neste vídeo no que participou o alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato, recóllese a evolución histórica dos diferentes modelos atómicos ao longo dos últimos cen anos. O vídeo parte do Modelo de Thomson que seguido do de Rutherford e o de Bohr remata co modelo Mecanocuántico actual. A música e os traxes tradicionais que o acompañan e que empregou o alumnado, permiten a fusión da Danza coas Ciencias así como a compartición da cultura da nosa terra. Este vídeo vai dirixido á categoría do premio especial de danza do concurso Inspiraciencia correspondente ao curso 2025-2026.
martes, 24 de marzo de 2026
lunes, 16 de marzo de 2026
Reunión Club Ciencia proxecto de montaxe e instalación dunha casa de paxaros intelixente
A NOSA CASIÑA DE PAXAROS INTELIXENTE
Xa dispoñemos da estrutura da casiña, feita en reunións anteriores do Club de Ciencia. A sesión comeza dándolle voltas ao maxín; o alumnado pon en común que material necesitamos para o noso proxecto. Despois duns minutos de debate, xa temos a lista da compra: un microcontrolador que incorpora cámara (ESP32Cam), unha batería para alimentar o dispositivo, un panel solar para cargar a batería e un router 5G para ter acceso á cámara por Internet.
Unha vez que temos claros os materiais, toca poñerse mans á obra. Seguindo as instrucións do profesorado, o alumnado dividiuse en dous grupos para montar o sistema. Tras verificar que todo estaba ben conectado, procederon a cargar un sinxelo programa de vídeo en liña no microcontrolador. Comprobaron que o sistema funcionaba correctamente: eramos capaces de ver a imaxe en vivo a través da cámara desde un navegador de Internet nun ordenador.
Unha vez que tiñan todo listo, cada grupo pensou na súa proposta para integrar os elementos na casiña. A premisa é captar unha boa imaxe do interior sen perturbar o descanso dos nosos hóspedes.
Xa temos todo listo! Soamente queda elixir a árbore onde colocaremos a casiña e esperar ao primeiro visitante… será un pardal, un xílgaro... que nervios!
Reunión Club Ciencia IA
INTELIXENCIA ARTIFICIAL PARA ENTENDER O MUNDO
miércoles, 4 de marzo de 2026
PROXECTO MULLERES CIENTÍFICAS
MURAL DE MULLERES CIENTÍFICAS
O alumnado de FPB II, formado por Valentín, Soraya, Aarón e Antía, participou nun interesante proxecto de investigación sobre as mulleres científicas, contando coa colaboración do Club de Ciencias, o Equipo de Dinamización da Lingüística e a Biblioteca do centro.
Esta actividade desenvolveuse co obxectivo de achegar referentes femininos no ámbito científico ao alumnado, coincidindo coa conmemoración do Día da Muller Traballadora. A tarefa principal consistiu na elaboración dun mural dedicado a diferentes mulleres científicas que marcaron a historia da ciencia.
Nunha primeira fase, o alumnado realizou un traballo de busca e selección de información sobre 19 mulleres científicas, destacando para cada unha delas unha imaxe representativa e unha frase célebre. Posteriormente, elaboraron as correspondentes fichas informativas que foron expostas na entrada do centro educativo.
Como complemento á exposición, tamén deseñaron un xogo electrónico relacionado co contido traballado, permitindo así que toda a comunidade educativa puidese interactuar e ampliar coñecementos dun xeito dinámico e atractivo.
Sen dúbida, foi unha actividade moi motivadora que contribuíu a espertar a curiosidade e o interese por estas figuras tan relevantes na historia da ciencia.
Noraboa polo excelente traballo realizado!


















