A MOCIDADE NO CENTRO DA CADEA ALIMENTARIA
O pasado xoves o alumnado de 1º de Bacharelato participou a través do Concello de Vimianzo no proxecto europeo Food Wave que lidera o cambio por unha alimentación sostible. Rosa Sánchez, técnica do Desenvolvemento Local do Concello de Vimianzo, e Xiomara Lazo, axente de Igualdade, foron as encargadas de explicar o proxecto que ten como obxectivo sensibilizar e concienciar á mocidade sobre os hábitos de consumo alimentario e a súa influencia no medio ambiente. Búscase a súa implicación, que sexa consciente de como xestos na súa vida diaria, nas súas opcións de compra, no xeito de consumir... son decisivos para conseguir uns sistemas alimentarios máis xustos, sostibles e resilientes.
A segunda parte da actividade consistiu nun taller práctico de ecogastronomía guiado polo chef vimiancés, Fabián Mouzo, que despois dunha breve charla sobre a reciclaxe de alimentos co obxectivo de ter un desperdicio cero, realizou unha demostración práctica de como realizar un riquísimo bocado con sobras.
Finalmente o alumnado, por quendas, púxose mans á obra e elaborou con filloas “petiscos” doces ou salgados, segundo gustos, elixindo os ingredientes dun buffet libre e que saborearon ao rematar.
Esta actividade, que trata de incorporar medidas de consumo responsable e
promover activamente o cambio cara a sistemas ecolóxicos para mitigar o cambio
climático, encádrase na liña estratéxica do Club de Ciencia de coidar o noso
medio ambiente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario