miércoles, 19 de mayo de 2021

CONFERENCIA DO EPIDEMIÓLOGO JUAN GESTAL

        Entre as actividades organizadas polo Club de Ciencias durante a Semana Cultural hai que salientar unha charla-coloquio con Juan Gestal. O prestixioso epidemiólogo aclaroulle ao alumnado de 1º de Bacharelato os conceptos máis relevantes da crise sanitaria actual. Fixo un repaso ao vivido neste último ano con claridade e rigorosidade desde un punto de vista científico e sanitario, explicando a natureza do virus, a súa transmisión e prevención, e mostrándonos a vacinación como a clave fundamental para encarar a recta final da loita contra el.



martes, 4 de mayo de 2021

 

          DESEÑO, CONSTRUCIÓN DUN MEDIDOR DE CO2 CON ARDUINO

     O alumnado de 2º de CB de Informática de Oficina, construíu un medidor de CO2 de baixo custo para as aulas que avise cando o nivel de CO2 supera as 1000 ppm e,  en consecuencia, facer unha ventilación forte. Tras obter a formación adecuada para a montaxe de sistemas electrónicos na plataforma arduino e na impresión 3D, partindo do deseño foron quen de ensamblar o dispositivo Gavieiro. O proxecto está dispoñible na Internet para que outros centros poidan montar o seu dispositivo.

Pódes consultar o proxecto na seguinte ligazón:
 
                      https://agueiro.xunta.gal/view/view.php?t=LlX4YGKHT2EIS6CNrQ5e


 

lunes, 26 de abril de 2021

Recreos científicos

Por que se lle bota sal ás estradas para evitar placas de xeo? 

Comprobamos con xeo como o se derrete máis rápido porque diminúe a temperatura de fusión. 


 

                                                                         Recreos científicos

                                                                    Xogamos de novo con mistos 

Chegou a primavera e volvemos xogar con mistos para realizar as formas que se nos pedían, pero nesta ocasión ao aire libre. Velaquí tendes o testemuño da actividade que tanto entretén á rapazada máis nova do centro.



 

viernes, 23 de abril de 2021

 

COMPARTINDO HÁBITOS SAUDABLES

    Como actividade final do 2º trimestre o alumnado de Anatomía Aplicada que presentou os seus proxectos sobre alimentación e exercicio saudables aos compañeiros de 1º de Bacharelato que non cursan esta materia.

    Presentáronse proxectos escollidos polo alumnado como recomendacións de actividade física semanal e os beneficios desta,realización de enquisas de hábitos saudables, análise da oferta alimentaria de negocios locais, trípticos e carteis con recomendacións de hábitos saudables, estudo de campañas publicitarias en redes sociais ou a exposición do etiquetado de produtos procesados mediante apps para o móbil.



lunes, 29 de marzo de 2021

Visita ao Parque Natural das Fragas do Eume
          
            O venres, 26 de marzo, realizamos co alumnado de 4º da ESO unha visita a un dos bosques atlánticos máis singulares que quedan en Europa: As Fragas do Eume. Esta actividade organizada polos Departamentos de Bioloxía, Debuxo e Inglés englóbase dentro do Programa de Educación Ambiental "Para unha transición ecolóxica" promovido polo Ceida (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia). Antes da visita, un biólogo do Ceida impartiulle ao alumnado no noso centro unha charla sobre os valores naturais, paisaxísticos e culturais que agochan as Fragas do Eume. 
  
        Guiados por un monitor do Ceida, visitamos primeiro o Mosteiro de Caaveiro, desde onde puidemos admirar unha vista xeral do val e coñecer os seus valores históricos e culturais. Despois realizamos un pequeno roteiro por pontes e sendeiros na beira do río Eume e do seu afluente o Sesín, apreciando in situ a extraordinaria biodiversidade deste bosque, que alberga unhas vinte especies de árbores, entre as que destacan freixos, castaños, carballos, pradairos e bidueiras, ademais de sete especies de fieitos únicos, relictos botánicos de hai máis de 15 millóns de anos. Nas beiras do Eume puidemos admirar tamén  a beleza das diferentes flores silvestres que abrollan na primavera: xacintos, narcisos, anémonas etc.