viernes, 15 de octubre de 2021

 

FOTOGRAFÍA MATEMÁTICA

              Durante este curso que iniciamos levaremos a cabo un proxecto de fotografía matemática. Pero... que é a fotografía matemática? Pois é aquela cuxo contido ten que ver, de forma clara e evidente, con algún aspecto das matemáticas como a xeometría, a aritmética, o cálculo numérico ou a estadística.

              Se botades unha ollada á vosa contorna, constataredes que as matemáticas están por todas partes. Collede o voso móbil, se tendes cámara fotográfica mellor, e empezade a realizar fotos que reflictan dunha maneira directa algún concepto matemático. Despois poderedes explica exactamente que é o que se amosa na foto e, a final de curso faremos unha exposición con todas as que nos enviedes. Veredes como se converte nunha ferramenta didáctica que, ademais de aprender, estimula a vosa creatividade!


 

viernes, 8 de octubre de 2021

 

ESTUDO ESTATÍSTICO

DA ANÁLISE DE VENTILACIÓN NAS AULAS

          Durante este curso continuaremos analizando a ventilación nas aulas, tan importante no presente contexto de pandemia, e realizaremos un estudo estatístico do mesmo. Tomaremos datos diariamente para facer unha análise o máis exhaustiva e científica posible.

No taboleiro do Departamento de Matemáticas podedes ver os resultados de setembro.

lunes, 4 de octubre de 2021

 

INAUGURACIÓN DO CLUB DE CIENCIA 2021-2022 POR

INVESTIGADORES DO INSTITUTO GALEGO DE FÍSICA DE ALTAS ENERXÍAS

           

     Hoxe, luns 4 de outubro, inauguramos o Club de Ciencia con dúas charlas divulgativas que resultaron de gran interese.

            O alumnado de 2º de Bacharelato tivo a oportunidade de escoitar a Javier Martín coa ponencia Caendo no buraco negro que tiña como obxectivo dar a coñecer a física de partículas e os buracos negros. Relatou a importancia de atopar os ladrillos universais do Universo, lembrando as achegas á Ciencia desde Empédocles, Demócrito, Dalton, sen esquecer a Mendeleiev (a súa lei periódica e visión do futuro predicindo a existencia de elementos posteriormente descubertos).

        Entramos nas partículas que forman o átomo empezando polo protón ata chegar aos quarks, bosóns.... Explicounos como no LHC se poden obter as pezas fundamentais coas que se constrúen os átomos. Rematou a súa disertación cos buracos negros que son unha predición da Teoría da Relatividade Xeral de Einstein.

           Que pasará se caemos nun buraco negro? Agora temos a resposta.

        Pola súa banda, o físico investigador tamén do IGFAE e recoñecido poeta lusófono, Alexandre Brea achegou ao alumnado de 1º de Bacharelato a oportunidade de descubrir que é iso da Física de partículas, como busca dar respostas a cuestións coma a do nacemento do Universo, a da materia que compón as estrelas e os planetas ou que sabemos da materia e da antimateria, por poñer algúns exemplos. Ademais o físico compartiu con nós á súa experiencia no CERN: que era, as liñas de traballo...

        Agardamos que con estas charlas se esperte a curiosidade no alumnado por coñecer as leis físicas que rexen o noso Universo!