domingo, 29 de mayo de 2022

 FOTOGRAFÍA MATEMÁTICA

        Durante este ano académico levamos a cabo un proxecto de fotografía matemática que é aquela cuxo contido ten que ver, de forma clara e evidente, con algún aspecto das matemáticas como a xeometría, a aritmética, o cálculo numérico ou a estadística.

Velaquí as máis destacadas das presentadas polo alumnado: 


 ESTUDO SOBRE A REPRODUCIÓN VEXETAL


        Como anunciamos a principio de curso este ano comezamos co alumnado do Club de Ciencia de 3º de ESO un estudo sobre a reprodución vexetal:o alumnado foi tomando datos do experimento ao longo do curso que nos axudarán a entender este proceso natural. Retomarémolo o próximo curso cun proxecto estatístico.

        


 


miércoles, 25 de mayo de 2022

 

NATUREZA E POESÍA
 
         A poeta e investigadora Dores Tembrás achegouse ao noso Centro para desenvolver un obradoiro sobre Natureza e Poesía ao alumnado de 1º de ESO baixo a sombra das árbores no xardín.
A poeta transmitiulle ao alumnado a través da observación da natureza o seu entusiasmo pola palabra e profundou no concepto de poesía e dos segredos do mecanismo do poema. Despois de recitarlles algúns poemas que tiñan como eixe central a natureza, foi a quenda dos rapaces e rapazas que crearon as súas propias composicións relacionadas coas sensacións, emocións que a natureza da que gozaban lles producía.
Velaquí outro xeito de observar a natureza!



lunes, 23 de mayo de 2022

 ESTUDO ANATÓMICO DAS VÍSCERAS

        Na reunión deste luns os membros do Club fixeron unha práctica con asaduras (pulmóns, corazón e fígado) para coñecer mellor o seu funcionamento. Foron as alumnas de 1º de Bacharelato as que guiaron os seus compañeiros na disección. Despois de preparar o material necesario, explicáronlles como tiñan que facer para separar os órganos.         

       A continuación, unha vez separados os órganos, demostráronlles que, cando poñemos nun vaso de auga un anaco de fígado e outro de pulmón, o primeiro afúndese e o segundo non por mor da cantidade de aire que aínda contén no seu interior e que o fai flotar.

     Finalmente experimentaron con pulmóns e enchéronos de aire coa axuda dun bombín para ver de primeira man como é o seu funcionamento.

A verdade é que resultou unha xornada científica moi ben aproveitada!

 

jueves, 19 de mayo de 2022

 

CREANDO UNHA CÁMARA ESTENOPEICA


                O alumnado de 1º de Bacharelato contou co luxo de participar nun taller de construción dunha cámara estenopeica, toma de fotografía e revelado dirixido polo artista ourensán Lois Cid, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2022 coa mostra Estrutura de fusión que é unha radiografía arquolóxica da paisaxe e das intervencións humanas e que está sendo exposta por distintas vilas e cidades.

            Pero... que é unha cámara estenopeica? Unha cámara escura (ou cámara sen obxectivo), o sistema máis elemental de formación de imaxes utilizado por artistas do século XVI ao XIX. Consiste na substitución da lente por un orificio a través do cal pasa a luz, trasladando a imaxe no soporte fotosensible do outro extremo.

              Cada participante puxo en práctica esta técnica seguindo as indicación do fotógrafo Lois Cid: construción da cámara, realización de fotos, revelado nun laboratorio ás escuras e, finalmente  puideron levar para a casa as fotos tiradas.

           Resultou un taller do máis sorprendente no que o alumnado fixo unha viaxe ao pasado da fotografía e descubriron a maxia da luz!