viernes, 12 de noviembre de 2021

BROCHE DE OURO PARA AstrónomAs

        Dentro das actividades realizadas no Club de Ciencia para visibilizar a achega das mulleres na Ciencia, e así fomentar vocacións científicas nas rapazas e axudar a pechar a fenda de xénero na Ciencia, imos destacar a visita que tivemos o pasado venres: Josefina Ling, profesora da USC e investigadora no Observatorio Astronómico Ramón María Aller, así como comisaria da mostra AstrónomAs que temos exposta no noso centro.

        Impartiu ao alumnado de 4º ESO a charla Astronomía e mulleres e comezou cun repaso pola historia de personaxes que esgrimiron a inferioridade da muller, algúns deles tan sorprendentes coma Aristóteles ou o eurodeputado polaco Janusz Korwin-Mikke. Seguiu coa exposición de exemplos das desigualdades económicas e sociais que aínda perduran na actualidade entre homes e mulleres.

        A continuación visibilizou a contribución de numerosas mulleres á ciencia e, en particular, á Astronomía que en xeral non é recoñecida. Finalizou a súa conferencia centrándose na figura da primeira astrónoma galega e en Galicia: Antonia Ferrín Moreiras. Esta investigadora foi dobremente pioneira: por ser a primeira muller en defender unha tese de Astronomía en España e por ser a primeira persoa que o fixo na facultade de Matemáticas.

       Foi unha delicia escoitala e, como dende o Club de Ciencias apoiamos bos hábitos saudables, agasallámola cunha cesta de froita de tempada! Ela, por suposto, agradeceunos o xesto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario