viernes, 3 de diciembre de 2021

RECICLAMOS OS NOSOS RESIDUOS ORGÁNICOS

             Un dos piares fundamentais do proxecto deste curso no noso Club de Ciencia é a reciclaxe. Parte fundamental deste é a transformación dos residuos orgánicos dos nosos fogares en fertilizantes para as nosas plantas, hortos, xardíns....
         É esencial concienciar o noso noso alumnado na importancia de reciclar a materia orgánica para axudar a reducir a cantidade de residuos que rematan nos colectores do lixo e así axudar a frear o cambio climático. Por iso, o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO tiveron unha charla, na mañá de hoxe, sobre esta temática.

          Manolo Domínguez, biólogo e educador ambiental, comezou amosando como realizar unha selección dos residuos para logo facer fincapé na importancia de compostar nas casas. Por último explicou polo miúdo os pasos a seguir para elaborar unha boa compostaxe. A charla, que foi moi amena, axudou a concienciarnos sobre a necesidade de reducir a cantidade de residuos, á vez que nos presenta unha opción do seu aproveitamento. Un modelo de economía circular en beneficio de todos e todas porque se reduce a factura de recollida de residuos,  xérase un recurso que acrecenta a fertilidade das  nosas terras e reducimos a emisión de gases invernadoiros.  Isto si que é unha reciclaxe efectiva!  

         Esta actividade forma parte dunha campaña do Concello de Zas que pretende difundir a compostaxe doméstica. O Alcade de Zas, Manuel Muíño, e a Concelleira de Educación Pilar García, animáronnos a poñer en práctica esta aprendizaxe para ser respectuosos co medio e minimizar a nosa pegada ambiental. E nós pensamos poñelo en práctica no noso Centro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario