viernes, 10 de febrero de 2023

Exposición sobre aves mariñas

Compañeiras do mar e do ceo

Este é o título da exposición itinerante que temos estes días no noso Centro e na que a través de seis paneis, se divulga e se pon en valor a importancia da conservación das aves mariñas, como están intimamente ligadas co mar, xa que dependen deste para sobrevivir, así como a súa relación coas actividades pesqueiras. Tamén se destaca Galicia como un lugar clave para a reprodución de certas aves mariñas xa que conta con cinco Zonas de Especial Protección para as Aves das trinta e nove que hai en España.

É importante concienciar o noso alumnado de que as aves son imprescindibles para o medio ambiente, xa que cumpren funcións únicas que non realizan todas as especies de animais. Sen elas poderiamos entrar nun rápido declive social social porque as enfermidades e pragas que se poden xerar son inimaxinables.  Con esta mostra queremos contribuír a que todos e todas protexamos as aves que viven na nosa contorna ou que están de paso, posto que o noso mar é fundamental na ruta migratoria de moitas especies atlánticas. Por iso os distintos grupos visitarana cunha guía do Club de Ciencia para o seu maior aproveitamento. Velaquí tendes fotos da visita de 1º de ESO.

A exposición foi cedida ao Club de Ciencia polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) que promove a educación ambiental en todos os sectores sociais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario