lunes, 28 de octubre de 2024

REALIDADE AUMENTADA

REALIDADE AUMENTADA


    O alumnado de 4º da ESO, 1º e 2º Bacharelato acudíu ó taller de realidade aumentada organizado dentro das actividades do Club de Ciencias do IES Maximino Romero de Lema,  para crear os seus propios espazos virtuais coa ferramenta Lumi e o xerador de imaxes de 360 Copernicai que fai uso da intelixencia artificial para crear os fondos panorámicos utilizados nas prácticas.  Tamén comprobaron que é a Realidade Aumentada introducindo animais salvaxes na aula 13 coas ferramentas axeitadas que ofrece Google. No final desta entrada tedes un vídeo resumo da actividade.








DECORACIÓN TERRORÍFICA CON RESINA EPOXI E PAPIROFLEXIA

DECORACIÓN TERRORÍFICA CON RESINA EPOXI E PAPIROFLEXIA



    Na reunión de hoxe o alumnado pertencente o Club de Ciencias de 1º ESO, experimentou coa resina epoxi e papiroflexia para facer pezas de Halloween. Tras producirse a mestura da resina epoxi co endurecedor. Colocamos a mestura nos moldes decorándoos con purpurina e pedras de cores, cos diferentes moldes puidemos elaborar diferentes tipos de colgantes, pendentes, chaveiros,… un pouco de imaxinación é o que se precisou para elaborar as diferentes pezas. Unha vez vertida a mestura no molde deixouse secar durante 24 horas para posteriormente desoldar as pezas. Nesta reunión, o alumnado realizou unhas figuras e ilusións ópticas moi terroríficas.







ESTUDO DE REACCIÓNS ENZIMÁTICAS

 A CATALASA DA PATACA


      Na reunión do Club de Ciencia, o alumnado de 2º e 3º ESO traballou sobre a catalise enzimática. Os monitores, Joel Rellán e Leticia que traballaron sobre este tema para presentar un vídeo o concurso Petiscos de Ciencia 2024, explicaron os demais compañeiros do Club de Ciencia como estudar a acción catalítica da catalasa, un enzima presente na pataca, e a modificación da súa actividade segundo as condicións da reacción (temperatura e pH). Os enzimas son biocatalizadores que serven para acelerar procesos, son substancias de natureza proteica que catalizan reaccións químicas sempre que sean termodinámicamente favorables. Unha vez rematada a reacción química recupéranse sen alterarse. A catálise prodúcese mediante unha baixada na enerxía de activación da reacción. Sen embargo, son moi sensibles a cambios de pH e temperatura, pois perden a súa estrutura e xa non son capaces de realizar a catálise.

A catalasa acelera a reacción da disociación do peróxido de hidróxeno en auga e osíxeno.

Pódese comprobar no vídeo como a pataca crúa, presenta o enzima activa é reacciona rapidamente co peróxido de hidróxeno. Se a reacción ocorre en medio ácido (na presenza de zume de limón) non reacciona xa que o enzima atopase inactivada. No caso de que a pataca se atope cocida a reacción co peróxido de hidróxeno, non se produce. A temperatura a que se coceu a pataca provocou a desnaturalización das proteínas e polo tanto a inactivación do enzima. Isto provoca que non se produza a reacción co peróxido de hidróxeno.












Inauguración Club de Ciencia Baiociencia

 BENVIDA AOS MEMBROS DO CLUB DE CIENCIA DO CURSO 2024-2025


O luns, 28 de outubro, celebramos a inauguración do 
Club de Ciencia Baiociencia do IES Maximino Romero de Lema. Nesta reunión gozamos dunha pequena festa na que se puido facer unha primeira toma de contacto para coñecermos todos os membros do club. Ao tempo que degustabamos uns pinchos, falabamos dos novos proxectos científicos a realizar durante este curso.







miércoles, 23 de octubre de 2024

AS MARISCADORAS E AS REDEIRAS: SECTORES PROFESIONALIZADOS

 

O 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación recoñeceu á asociación de redeiras O Fieital de Malpica pola súa achega na innovación no sector pesqueiro e acuícola cun terceiro premio nesta categoría. Hoxe, nós organizamos unhas charlas para dar a coñecer ao alumnado de 2º, 3º e 4º ESO o traballo destas mulleres  da man dunha delas, Ángeles, secretaria de ANMUPESCA, que xunto con Jaqui, mariscadora e patroa de barco de Camariñas nos contaron a realidade da súa profesión.

Angeles describiu o traballo das redeiras, ensinounos artes e aparellos de pesca coas que traballan, comentounos como se desprazaban a traballar a zonas de Galicia onde non hai estas profesionais, actividades arredor das redes que xa non se usa para darlles unha segunda vida e labores de divulgación e formación que realizan dentro e fóra da nosa comunidade. Rematou subliñando o papel referente da asociación de redeiras de Malpica ao ser a primeira en constituírse en España tras o accidente de Prestixe  e cuxa loita conseguiu para este sector a cualificación profesional da súa actividade.

Pola súa banda, Jaqui contounos en que consiste o marisqueiro, que especies colleitan e como as recollen, os aparellos que empregan ou como se protexen das inclemencias metereolóxicas. Tamén este labor, grazas ao asociacionismo pasou de ser un complemento da economía familiar de coidadoras da familia á profesionalización.

Esta actividade, que nos fixo chegar A Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA), compleméntase cunha exposición fotográfica que leva por título As mulleres da pesca: traballo invisible, pero esencial constituída por  trinta fotografías de mulleres desenvolvendo o seu traballo coas redes ou de marisqueo, e que teremos no noso Centro ata finais de mes.

Con esta dobre acción quixemos contribuír á divulgación e ao recoñecemento do papel que desempeñan as mulleres do rural en xeral, e o destas profesionais do mar, en particular. 

 

miércoles, 16 de octubre de 2024

PROXECTO DE EDUCACIÓN AVÍCOLA

 

Por segundo ano consecutivo dende o Club de Ciencia  desenvólvese un proxecto de educación avícola sobre a recuperación, conservación e fomento da raza autóctona Galiña de Mos, actualmente un produto delicattesen nas nosas mesas. Será o alumnado de 1º ESO o encargado de levalo a cabo e contarase coa colaboración da Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos. 

Hoxe, despois de escoitar a charla explicativa realizada polo veterinario Diego Rois sobre as características dos ovos, o mecanismo de incubación con controis de temperatura e humidade, e o nacemento dos poliños, vinte alumnos depositaron cadanseu ovo na incubadora e amosáronse moi ilusionados ante a perpectiva de ver nacer un pitiño do ovo que colocaran.

Diego Rois despediuse prometendo regresar en canto nazan os pitiños - aos 21 días- para indicarlle ao alumnado os pasos a seguir para mantelos con vida e que vaian medrando. Ata daquela só queda controlar o aparello para que as condicións sexan idóneas e... ter moita paciencia!