martes, 12 de noviembre de 2024

DESCUBRINDO NA ESCURIDADE

Hoxe o alumnado de 1ºESO foi recibido por Víctor Tílver nunha sala case a escuras, cuxa única luz proviña de varias candeas. Así creou Víctor expectación e introduciu a temática da charla que ía impartir: a contaminación luminosa, as súas causas e as súas consecuencias.

O brillo artificial do ceo nocturno non só impide que vexamos as estrelas, tamén afecta a numerosas especies nocturnas e pode ter consecuencias prexudiciais para a saúde humana.   Iluminar non sempre é o máis seguro se non se fai correctamente: a luz, entre outras consecuencias, afecta ás relacións depredador-presa no medio salvaxe, ós neonatos de tartarugas e aves mariñas diminuíndo a súa probabilidade de supervivencia; inhibe a segregación de melatonina e, por iso, impide o descanso efectivo durante a noite.

A popularidade da luz LED, lonxe de conseguir unha mellora da iluminación pública, está provocando o uso de luces brancas que aumentan a contaminación luminosa indirecta, ao mesmo tempo que crea un efecto rebote polo seu reducido custo que afonda no consumo enerxético excesivo co aumento da contaminación atmosférica, e todo por non usar correctamente esta tecnoloxía. 

    É imprescindible para avanzar no coidado do medioambiente e da saúde sensibilizarnos ante este tipo de contaminación do aire, un problema en aumento nos últimos anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario