lunes, 6 de octubre de 2025

VISITA AO PARQUE EÓLICO EXPERIMENTAL DE SOTAVENTO

 


Hoxe, 6 de outubro, o alumnado de 1º Bacharelato e de 2º FP Básica acompañados polas profesoras Luchy Mouzo e Begoña Raña, fixeron unha saída didáctica ao Parque Eólico Experimental de Sotavento en Xermade (Lugo).

Un dos obxectivos desta visita é descubrir as diferentes fontes de enerxía renovables e non renovables dispoñibles (nuclear, eólica, solar, hidráulica, térmica xa sexa con combustible de carbón ou de gas natural) e promocionar e optimizar o uso deste tipo de fontes enerxéticas que posibilitarán un futuro sostible do Planeta.

Aprenderon como debemos optimizar os recursos que a diario conviven con nós: electricidade, calefacción, consumo de auga… Provócase a reflexión e defínese como conseguir un aforro sen variar o noso modo de actuar e unicamente tomando as decisións axeitadas nos momentos precisos.

As indicacións de como illar unha vivenda, a orientación, os tipos de calefacción, a elección dos electrodomésticos, canto consome cada electrodoméstico ou a elección das bombillas axeitadas, pros e contras, ademais de como reducir o consumo cunhas pautas moi sixelas e simples, fixeron a visita moi interesante.

Tamén lle propuxeron uns retos para elaborar circuitos eléctricos con paneis solares e remataron a visita desfrutando dun chocolate preparado cunha cociña solar.

Unha visita e experiencia que resultou moi gratificante tanto para o alumnado como para o profesorado e durante a que se expuseron de maneira amena as fontes de enerxía, a aposta pola eficiencia, o aforro enerxético e a súa interrelación coa problemática ambiental.

No hay comentarios:

Publicar un comentario