Hoxe, 22 de abril, coa colaboración do Club de Ciencia e o equipo de Dinamización Lingüística organizouse unha actividade científica. O alumnado de 1º Bacharelato acompañado polos profesores Begoña Raña e Pablo Mira, participou nunha charla científica impartida por Carolina Filgueira, investigadora do IGFAE, baixo o título "Cuántica, a revolución que vén".
A investigadora compartiu a súa traxectoria profesional e guiou ao alumnado nun percorrido desde os conceptos máis básicos da computación ata as fronteiras da física cuántica. Partindo da unidade mínima de información dixital —o bit— e do byte, chegou á explicación do Qbit (ou bit cuántico), peza clave da nova computación.
Durante a charla abordáronse as tres propiedades cuánticas fundamentais que caracterizan estes sistemas:
Superposición
Entrecruzamento
Colapso cuántico
Carolina Filgueira destacou tamén as diferenzas entre o ordenador clásico e o cuántico, e o enorme aforro de tempo que esta tecnoloxía suporá no procesamento e comunicación de datos.
O alumnado coñeceu ademais os distintos tipos de Qbits que se usan na actualidade: supercondutores, ións atrapados, fotóns, Qbits topolóxicos e Quantum Dots (Qbits de spin).
Unha xornada motivadora que achegou ao alumnado á investigación científica de vangarda e á revolución tecnolóxica que está por vir.

No hay comentarios:
Publicar un comentario