martes, 2 de noviembre de 2021

MULLERES E ASTRONOMÍA

           O Club de Ciencias quere participar no amplo programa organizado para conmemorar o 25N dende o Centro. Por iso, do 2 ao 12 de novembro acollemos a exposición, recentemente estreada no Pazo de Fonseca en Santiago, AstrónomAs, centrada nas mulleres que dedicaron a súa vida ao estudo da Astronomía e que poderá visitar quen o desexe durante o horario lectivo.

           Consta de dezaseis paneis explicativos que teñen por obxectivo fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas en xeral e, en especial, entre as nenas e adolescentes. Asemade, ao divulgar as investigacións realizadas por mulleres científicas na Astronomía e Astrofísica, contribúe a rachar coa Violencia da Invisibilidade que se exerceu na muller ao longo dos séculos.

              A mostra é herdeira da exposición Con A de astrónomas e dispón dun espazo web con información de 270 astrónomas e as súas áreas de investigación. Ademais da información de cada unha das astrónomas, AstrónomAs acompáñase con diversos materiais que inclúen unha contextualización da astronomía con outras ciencias, a súa relación co cine, a literatura ou a arte, cadernos pedagóxicos que se poden descargar, xogos interactivos, podcast e vídeos. Todo isto arroupado por unha banda sonora orixinal composta por Paula Espinosa.

         Dende o Club de Ciencia desenvolveranse numerosas actividades relacionadas coa mostra como o lanzamento de reto, a aprendizaxe do uso do telescopio ou dun planisferio, a realización dunha observación solar no patio, coñecer o rango espectral e a difracción da luz ou a charla Astronomía en España impartida polo profesor Víctor Tilve. Tamén nos visitará a comisaria da mostra, a profesora Josefina F. Ling, para impartir a charla Astronomía e mulleres ao alumnado de 4º ESO.

            Abofé que lle imos sacar proveito á exposición e ás actividades derivadas dela!



No hay comentarios:

Publicar un comentario