A CIENCIA É FEMININO
PODEMOS CONSTRUÍR DE XEITO SUSTENTABLE?
Co motivo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a enxeñeira de Camiños, Canais e Portos e, investigadora do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC ), Gemma López Rojo, veu hoxe impartir unha conferencia ao alumnado de 1º de Bacharelato.
Comezou a súa charla contando a súa experiencia persoal e lembrando os referentes femininos que lle axudaron a chegar a onde está; a continuación centrouse no seu campo de investigación: o mundo formigón e da construción sostible.
Sabiades que o formigón é o material máis empregado no mundo despois da auga? Pois si, de aí a importancia de realizar estudos para obter formigón de calidade que non contamine. A científica explicou como crear formigóns seguros a través da reciclaxe, entre outros, de construcións e demolicións, de determinados residuos industriais, das caixas de poliespan nas que se transporta o peixe fresco ou das cunchas de mexillóns -lembremos que Galicia produce unhas 250.000 toneladas ao ano-.
Á vez que amosaba fotos dos distintos formigóns obtidos, sinalaba as diferentes propiedades que presentaban segundo os compoñentes utilizados e, mesmo nos sorprendeu cunha foto dunha pequena construción realizada con formigón que contiña cunchas de mexillóns.
Como sinalou a investigadora é necesario conseguir un xeito de vida sustentable, aquel que permita cubrir as nosas necesidades sen prexudicar ás xeracións que veñen atrás. Por iso hai que seguir investigando na procura de novos recursos reciclando os residuos para seguir producindo nun sistema de economía circular.
Resultou unha charla moi interesante, sorprendente, pedagóxica e que nos permitiu abrir novos horizontes no proxecto de reciclaxe que estamos a desenvolver dende o Club de Ciencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario