miércoles, 18 de mayo de 2022

FOTOGRAFÍA PAISAXÍSTICA

            Unha calidade imprescindible para ser un/unha bo/boa científico/a é a da observación. Por iso dende o Club de Ciencia propuxemos que durante a Semana Cultural o alumnado de 1º de ESO realizase un obradoiro de Iniciación á fotografía paisaxística. Que mellor xeito de que a rapazada explore na natureza?

             O encargado de realizalo foi un alumno do Centro, o cormelán Andrés García, máis coñecido por Drew Korme e gañador do certame internacional Milky Way Contest a web 35 Awards grazas a unha imaxe da Vía Láctea sobre o faro Roncudo e enriba da máxica Mar de Ardora.

             Iniciaron o obradoiro cunha andaina pola fermosa paisaxe que hai desde o Centro ata a Carballeira de Baio; polo camiño xa lles foi ensinando diferentes técnicas de fotografía e como potenciar o uso do teléfono móbil para realizar fotos excelentes da natureza.

              Explicou as técnicas da regra dos 3 terzos, a técnica do macro e a do enfoque próximo á natureza. Despois da descrición de cada técnica, o alumnado contaba con quince minutos aproximadamente para poñela en práctica e preguntar dúbidas. Rapaces e rapazas quedaron entusiasmados/as co obradoiro e déronse conta por primeira vez de que se podía observar a natureza dun xeito diferente, máis alá de ser unha idílica paisaxe pola que pasea.

No hay comentarios:

Publicar un comentario