martes, 3 de octubre de 2023

Reivindicando a soberanía alimentaria

No día de hoxe o alumnado de 3º ESO e 1º FPB recibiu unha charla impartida por representantes do CEIDA sobre a soberanía alimentaria.  Explicaron en que consiste este concepto e a súa historia. Fixeron unha defensa dos alimentos nutritivos, accesibles e producidos dun xeito ecolóxico, sostible e, na medida do posible, local. Animáronnos a reflexionar sobre os alimentos que consumimos, sobre a súa orixe e  produción e sobre como se venden no supermercado para introducir pequenas accións diarias que modifiquen a situación actual e que implicarán unha mellora na nosa saúde asemade que coidamos o medio ambiente.

É imprescindible ir cara a métodos responsables de produción que promovan a protección ambiental e o benestar animal e, que ademais fomenten a conservación dos recursos naturais. Un proceso que garante a calidade de vida dos pequenos e medianos produtores para preservar un medio rural, social, ambiental e economicamente viable. Nesta liña está a Sociedade Cooperativa Labrecos, que visitaremos mañá e na que nos explicarán como traballan por unha produción ecolóxica e local para proporcionar unha alimentación saudable. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario