Física Re-creativa: Luz e Cor
José Benito Vázquez Dorrío, catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo, visitounos para dar unha charla na que, dun xeito lúdico, fixo comprender ao alumnado de 1º Bacharelato a física que está presente na luz e nas cores.
Unha vez comprendido o concepto de espectro electromagnético e a importancia da lonxitude de onda da radiación, o alumnado puido experimentar coa luz empregando materiais manipulativos elaborados con obxectos cotiáns de baixo custo, que lles permitiron achegarse a conceptos máis complexos.
Lembrou o proceso que se desenvolve no ollo humano, desde que se observa unha imaxe ata que esta é interpretada polo cerebro, destacando a importancia dos receptores visuais: os conos e os bastóns, responsables de captar a información da cor. Durante as experiencias realizadas, puideron comprobar se presentaban daltonismo mediante a observación de imaxes específicas. Ademais, aprenderon en que consiste o modelo RGB e como, a partir da mestura das súas cores primarias, se obteñen as cores secundarias. Para finalizar esta interesante charla, exploraron como se poden crear sombras de cores, combinando luces de diferentes tonalidades.
Foi unha actividade moi motivadora na que o alumnado participou activamente nos experimentos propostos. Agradecémoslle a Benito Vázquez Dorrío, galardoado no 2023 co Premio Ensino e Divulgación da Física, a súa presenza na nosa Semana cultural na que o Club de Ciencia organizou varias actividades.
No hay comentarios:
Publicar un comentario