OBRADOIRO SOBRE A DIVERSIDADE DOS ARTRÓPODOS
O último día da Semana Cultural, o alumnado de 1º ESO participou nun obradoiro dedicado á diversidade dos artrópodos e impartido por Miguel Santamarina.
Comezou o biólogo e divulgador científico cunha introdución teórica na que explicou que o termo “bicho” non ten ningún valor científico; o que unha persoa pode considerar un “bicho” pode ser, en realidade, un insecto, unha araña, un cangrexo ou outro tipo de ser vivo. Aclarou que todos estes organismos pertencen ao grupo dos artrópodos que teñen como principal característica a presenza dun exoesqueleto articulado, é dicir, unha especie de esqueleto externo que lles dá protección e soporte. Lembroulle ao alumnado a clasificación dos artrópodos segundo o número de patas en catro grandes grupos: insectos insectos (6), arácnidos (8), crustáceos(10 ou máis) e miriápodos (moitas patas repartidas ao longo do corpo segmentado). O entomólogo subliñou a enorme importancia destes seres vivos para o ser humano e para o equilibrio do planeta.
A continuación chegou a parte emocionante do obradoiro na que puideron tocar ou observar de preto diferentes exemplares destes animais, comentando as curiosidades de cada un deles: cempés xigantes, un cangrexo de terra, unha araña migala, un escorpión, unha vacaloura, un insecto pau, un insecto folla, un saltón, unha vacaloura, bolboretas xigantes...
Aprenderon que a maioría deles son seres inofensivos e que, contrariamente ao que moitas veces se pensa non representa unha ameaza para as persoas. Iso axudou a que algúns lles perdesen o medo.
A experiencia foi moi enriquecedora, e permitiu comprender mellor a enorme variedade que existe dentro deste grupo, así como a súa relevancia para o equilibrio natural. Seguro que a seguinte vez que volvan ver un “bicho” na súa casa en vez de esmagalo, collerano e botarano fóra para que poida seguir co seu papel ecolóxico!
No hay comentarios:
Publicar un comentario