O MUNDO SEGREDO DO NOSO CAN
Outra actividade organizada polo Club de Ciencia levouna a cabo Alejandro Valverde de Budadog, unha escola de educación canina, participou na XIX Semana Cultural cun obradoiro impartido ao alumnado de 1º ESO no que os protagonistas eran Eles: os cans!
Na primeira parte, Álex ofreceu unha charla sobre o mundo canino, na que se exploraron as semellanzas e diferenzas entre os sentidos dos cans e dos seres humanos. Ademais, abordou a comunicación canina, facendo especial fincapé na importancia de saber interpretar os sinais de calma e de estrés que amosan os cans. Durante parte da charla, acompañouno Phoenix, un can tranquilo que semellaba confirmar con actitude serea todo o que o seu dono explicaba, e que se deixou acariciar por algúns dos presentes.
O adestrador de cans subliñou que os cans non só precisan un fogar e alimento, senón tamén atención, compañía e retos que lle permitan desenvolverse plenamente. É aquí onde cobra importancia o agility, unha actividade deportiva que consiste en que o can supere un circuíto de obstáculos guiado polo dono. E así, pasamos á segunda parte, na que a rapazada baixou ao patio para coñecer a Trufa. Alí, Trufa agasallounos cunha demostración das súas habilidades nun pequeno circuíto de agility moi especial, no que os propios nenos e nenas fixeron de obstáculos vivos.
Foi un momento cheo de risas, sorpresa e complicidade. E se non o credes, botádelle un ollo á foto de grupo: Trufa está radiante, orgullosa e feliz!
No hay comentarios:
Publicar un comentario