martes, 13 de mayo de 2025

A Química na vida cotiá

 A QUÍMICA NA VIDA COTIÁ

 


Dentro das actividades da Semana Cultural organizadas polo Club de Ciencia, tivemos a sorte de que a participara a Sociedade Xuvenil Galega de Química (SXGQ). O martes, Laura, Sergio, Román e Leticia, integrantes desa agrupación formada por persoal de diferentes carreiras científicas, achegáronse ao noso centro para afondar en determinados contidos científicos ante un público expectante: o alumnado de 2º e 3º de ESO, e o de 1º FPB.

Entre as experiencias realizadas, destacan tres en particular: a catálise enzimática da pataca, o estudo das propiedades dos polímeros e a determinación do pH de diversas disolucións mediante o uso dun indicador natural.

No caso dos polímeros, analizáronse non só as diferenzas na polaridade das moléculas, senón tamén como as cargas eléctricas presentes poden favorecer a formación de esferas (esferificación), ou permitir a retención de auga no seu interior.

Outra experiencia especialmente motivadora foi a observación do fenómeno da fluorescencia en certas substancias como a clorofila das plantas ou a cúrcuma. Bastou cunha lámpada de luz ultravioleta para poder gozar deste sorprendente efecto visual.

En conxunto todas as actividades espertaron a curiosidade e o interese polo mundo que nos rodea, dun alumnado que atendía engaiolado ás explicacións e respondía ás cuestións que lles formulaban.

Moitas grazas a Sergio, Laura, Román e Leticia pola vosa amabilidade e pola atención coa que levastes a cabo todas estas demostracións. Grazas tamén a todos os que forman parte da SXGQ polo gran labor de divulgación do coñecemento científico en galego, amosando que a Ciencia en galego existe.










No hay comentarios:

Publicar un comentario