jueves, 23 de octubre de 2025

VISITA Á CASA GRANDE DE XANCEDA E O MUSEO DO MEL

 



O alumnado de 1º da ESO do noso centro realizou hoxe unha saída didáctica á Casa Grande de Xanceda e ao Museo do Mel O Enredo do Abelleiro, acompañados polas profesoras Begoña Raña e Marta Nantón.

A primeira parada foi na Casa Grande de Xanceda, onde puideron coñecer de preto o funcionamento dunha granxa ecolóxica e a súa historia. A granxa comezou cun rabaño de 20 vacas canadenses e na actualidade conta con máis de 300. Durante a visita percorreron as distintas instalacións, observaron o proceso de elaboración dos iogures e coñeceron aos animais da granxa.

Os rapaces e rapazas tiveron tamén a oportunidade de dar de comer a coellos, galiñas, cabras e ovellas, así como de ver uns simpáticos porcos vietnamitas que foran abandonados e agora viven alí. Ademais, deron biberóns aos becerros máis pequenos e simularon muxir vacas, o que resultou unha experiencia moi divertida. Para rematar, a granxa convidounos a unha merenda cos seus produtos ecolóxicos, onde puideron degustar os seus recoñecidos iogures, queixos, galletas e outros produtos… ¡todo estaba riquísimo!

A continuación, o grupo visitou o Museo do Mel – O Enredo do Abelleiro, onde aprenderon moitas curiosidades sobre o fascinante mundo das abellas. Descubriron, por exemplo, que as abellas obreiras viven entre 35 e 45 días, mentres que a raíña pode vivir ata 5 anos. Tamén puideron ver colmeas por dentro, coñecer o taller do mel e incluso probar mel directamente dun panal.

Estas visitas resultaron moi enriquecedoras e de grande interese educativo, xa que permiten ao alumnado aprender de forma práctica e amena sobre a natureza, os animais e a importancia da produción sostible.

No hay comentarios:

Publicar un comentario