viernes, 13 de febrero de 2026

SEMANA DE CONMERACIÓN DO DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

 



 O venres, 13 de febreiro, o Club de Ciencias continúa coa celebración da Semana da Ciencia na que se conmemora o Día da Muller e a Nena na Ciencia con actividades no centro educativo. Na derradeira xornada, Serxio Arias, levou a cabo unha actividade moi interesante sobre as láminas polarizadoras e os patróns de esforzo. Tamén puideron facer algunha actividade cos xogos matématicos.

Materiais:

  • Láminas linealmente polarizadas

  • Lentes de sol polarizadas

  • Obxectos de plástico con diferentes formas

  • Luz natural

  • Pantalla LCD branca

Descrición do experimento:

Neste experimento vérsese como a luz, que é unha onda electromagnética, ao atravesar dúas láminas polarizadoras con eixos perpendiculares, diminúe a súa intensidade case ata cero (non se alcanza a opacidade total porque os polarizadores non son perfectos).

Como non se coñecen previamente os eixos das láminas, colócanse unha detrás da outra e rota unha delas ata que se observa o mínimo de intensidade luminosa, momento no que os eixos estarán orientados perpendicularmente.

Os plásticos adoitan ser sometidos a compresión e estiramentos durante a súa fabricación. Ao inxectar o plástico nun molde, a súa estrutura non é completamente homoxénea, presentando zonas máis ou menos densas.

Esta variación estrutural provoca diferenzas nos índices de refracción, causando un desfase nas compoñentes da onda de luz. Ao pasar polo segundo polarizador, estas diferenzas producen interferencias que afectan á percepción das cores.

Por iso, ao colocar un obxecto de plástico entre dúas láminas polarizadoras lineais (a primeira lámina pode ser, por exemplo, a pantalla LCD), obsérvanse patróns de cores que reflicten as tensións internas do material.

Este fenómeno é empregado por enxeñeiros para detectar zonas con diferentes niveis de esforzo en materiais e coñécese como fotoelasticidade.









No hay comentarios:

Publicar un comentario