A NOSA CASIÑA DE PAXAROS INTELIXENTE
Xa dispoñemos da estrutura da casiña, feita en reunións anteriores do Club de Ciencia. A sesión comeza dándolle voltas ao maxín; o alumnado pon en común que material necesitamos para o noso proxecto. Despois duns minutos de debate, xa temos a lista da compra: un microcontrolador que incorpora cámara (ESP32Cam), unha batería para alimentar o dispositivo, un panel solar para cargar a batería e un router 5G para ter acceso á cámara por Internet.
Unha vez que temos claros os materiais, toca poñerse mans á obra. Seguindo as instrucións do profesorado, o alumnado dividiuse en dous grupos para montar o sistema. Tras verificar que todo estaba ben conectado, procederon a cargar un sinxelo programa de vídeo en liña no microcontrolador. Comprobaron que o sistema funcionaba correctamente: eramos capaces de ver a imaxe en vivo a través da cámara desde un navegador de Internet nun ordenador.
Unha vez que tiñan todo listo, cada grupo pensou na súa proposta para integrar os elementos na casiña. A premisa é captar unha boa imaxe do interior sen perturbar o descanso dos nosos hóspedes.
Xa temos todo listo! Soamente queda elixir a árbore onde colocaremos a casiña e esperar ao primeiro visitante… será un pardal, un xílgaro... que nervios!






No hay comentarios:
Publicar un comentario