INTELIXENCIA ARTIFICIAL PARA ENTENDER O MUNDO
O pasado encontro do Clube de Ciencias do IES Maximino Romero de Lema contou coa participación do alumnado de 2º da ESO nunha sesión dedicada a descubrir, dunha forma práctica e amena, os fundamentos da Intelixencia Artificial.
Durante a xornada, o alumnado tivo a oportunidade de traballar con Teachable Machine, unha ferramenta de Google que permite achegarse ao concepto de Machine Learning de xeito sinxelo e visual. A actividade consistiu en crear clases para a separación do lixo, ensinando á máquina a distinguir diferentes residuos e asignalos ao colector correspondente. Unha forma moi efectiva de combinar conciencia ambiental e tecnoloxía.
Pero a sesión non ficou aí. Tamén se exploraron outros conceptos clave da IA a través de propostas lúdicas: as árbores de decisión explicáronse da man do popular xogo Akinator, que con preguntas sucesivas é capaz de adiviñar calquera personaxe; e as redes neuronais descubríronse mediante Quick, Draw!, a ferramenta de Google que aprende a recoñecer debuxos feitos a man alzada.
O resultado foi un encontro moi didáctico e distendido, no que o alumnado puido comprender, sen darse case conta, como funcionan algúns dos sistemas de intelixencia artificial que forman parte do noso día a día.







No hay comentarios:
Publicar un comentario