Hoxe pola mañá celebrouse no polideportivo de Baio o I Día da Ciencia na Rúa, unha iniciativa organizada polo IES Maximino Romero de Lema que reuniu alumnado e profesorado de distintos centros da contorna.
Ao longo da xornada participaron máis de 530 alumnos e alumnas procedentes de 8 centros educativos de primaria, secundaria e educación especial, que puideron desfrutar dunha ampla variedade de postos con experimentos científicos e propostas matemáticas. A actividade permitiu achegar a ciencia dun xeito práctico, participativo e divertido, fomentando a curiosidade e o interese polo coñecemento.
Foi unha mañá de aprendizaxe compartido, na que o alumnado puido experimentar, observar e descubrir diferentes fenómenos científicos a través de actividades dinámicas e adaptadas a todas as idades.
Queremos agradecer a participación de todos os centros educativos asistentes, así como a colaboración do Concello de Zas, cuxo apoio foi fundamental para poder levar a cabo esta xornada de divulgación científica.
Dada a gran acollida, o interese amosado e o carácter tan enriquecedor da experiencia, temos claro que esta actividade terá continuidade e repetiremos a iniciativa no vindeiro curso.

No hay comentarios:
Publicar un comentario