domingo, 27 de marzo de 2022

 

TALLER DE RECICLAXE TECNOLÓXICO

1ª PARTE

              Na actividade deste luns o alumnado de 2º FPB levou a cabo un interesante taller de reciclaxe tecnolóxico para o noso alumnado do Club de Ciencias. 

    Nesta primeira parte partiron dun teclado estragado e procedeuse a retirar as diferentes pezas polas que está formado. Retírouse a membrana do teclado coa que elaborará un caderno para poder tomar as notas dos nosos descubrimentos. Para iso tivemos que recortar tanto membrana como a cartolino do mesmo tamaño.

    Velaquí tendes algunhas fotos desta actividade que afianza un dos eixes principais que desenvolvemos durante este curso no do Club, a da reciclaxe!

lunes, 21 de marzo de 2022

 

 EXPERIMENTAMOS CON ALIMENTACIÓN

2ª PARTE

  

Na reunión de hoxe, ademais dos experimentos que sinalamos no anterior artigo, o alumnado de 1º de Bacharelato aínda tivo tempo de desenvolver tres actividades científicas máis.

  1. A primeira actividade, realizada despois de ver un vídeo onde se explicaba a mesma, consistía na identificación mediante un imán da presenza de ferro en diferentes alimentos (lentellas, cereais ricos en ferro...). A cantidade de ferro presente nos produtos utilizados non foi suficiente para poder detectala mediante o magnetismo, polo que consideramos que foi un experimento fallido, pero teñamos en conta que a Ciencia avanza con erros e acerto.
  2. A segunda actividade consistiu na comparación dunha bebida refrescante con azucre e sen azucre. Tras evaporar a auga presente na bebida puidemos comprobar como na bebida sen azucre apenas quedaban residuos e na que si presentaba azucre quedaba un residuo negro na pota. Polo tanto debemos ter isto en conta á hora de elixir a bebida para seguir unha alimentación san. 

            3. Extracción do ADN de froita. Empregando material común -xabón, filtro e alcohol- podemos                 observar a estrutura fibrilar do ADN de diferentes froitas; nós utilizamos plátanos e fresas.                    Para comezar machácase a froita cun pouco de auga e xabón. Despois fíltrase a mestura                    obtiva e engádese un pouco de alcohol. A capa branca que observamos é o ADN.



 

EXPERIMENTANDO COA ALIMENTACIÓN

 1ª PARTE

                Nunha nova reunión do Club de Ciencia o alumnado de 1º de Bacharelato levou a cabo varios experimentos relacionados coa alimentación e explicáronllelo aos outros compañeiros do Club.

              En primeiro lugar analizaron a influencia do colesterol na circulación sanguínea: nun bote de cristal introduciron un pouco de espuma illante que ao inchar, deixa case todo o volume do recipiente tapado. Este efecto é o que se observa nas veas cando hai colesterol no seu interior; puidemos comprobar como o sangue (auga coloreada) presenta dificultades para chegar ao fondo do bote de cristal.

              En segundo lugar deseñaron unha bebida isotónica personalizada. Para comezar explicaron os compoñentes principais das bebidas isotónicas e a continuación puxéronse mans á obra. Tendo en conta que a base principal da mesma é azucre, sal e agua e, partindo dunha infusión de té ou agua e mesturando coas cantidade ao gusto de mel, zume, sal, limón, herbas aromáticas, elaboraron a súa propia bebida con gran capacidade de rehidratación e que nos axudan a repoñer as substancias perdidas durante a actividade física. Tamén comentaron que en ningún caso hai que confundilas coas bebidas enerxizantes nin coas bebidas estimulantes.

 

 DígochoEU

TERMOS TECNOLÓXICOS

        O alumnado de 2º curso de Ciclo Básico de FP de Informática de Oficina iniciou un proxecto inspirado no programa DígochoEu da CRTVG no que achega termos tecnolóxicos en galego dun xeito divertido.

    Este vídeo presentámolo no premio especial do xurado dos Premios #DígochoEu para centros educativos e tamén no concurso Informatízade da ETSE dentro da categoría de divulgación tecnolóxcica.

    Observade e aprendede! 😀

lunes, 14 de marzo de 2022

 

 DÍA DO NÚMERO PI

            O Día do Número Pi celébraxe tal día coma hoxe, 14 de marzo, unha data para celebrar a existencia dunha constante matemática que foi moi significativa a través da historia. A data escollida foi a máis representativa do número 3/14.

O Departamento de Matemáticas  celebrouno facendo unha exposición no seu taboleiro sobre referencias históricas do máis famoso irracional. Mirádeas que son moi curiosas!

martes, 8 de marzo de 2022

 

 MARÍA JOSEFA WONENBURGER PLANELLS

         De novo o Club de Ciencia colabora coa Biblioteca para a celebración dunha data sinalada; neste caso foi 8 de marzo  e os rapaces e rapazas nos días previos e despois de ler en grupo a biografía de María Josefa Wonenburger Planell, fixeron chapas co seu rostro para regalar o Día Internacional da Muller entre os membros da Comunidade  e que todos e todas luciamos con orgullo na data sinalada.

        Pero quen foi María Josefa Wonenburger Planell? Pois unha das maiores investigadoras no campo das matemáticas que ante as escasas perspectivas laborais e as dificultades que atopaban as mulleres para avanzar na súa carreira investigadora en España conducírona ao estranxeiro: foi a primeira muller española en conseguir unha bolsa Fulbright para realizar o doutorado en Estados Unidos. Aos 57 anos en plena madurez intelectual tivo que xubilarse para regresar a España a coidar a súa nai.