
Hoxe o alumnado de 1º e 2º de ESO tivo a
oportunidade de achegarse ao coñecemento do mundo mariño e ás posibilidades
nutritivas que nos ofrece a través do programa Fai clic ao teu bocata,
promovido pola Consellería do Mar. Fíxose fincapé nun dos grupos de alimentos
menos consumidos nas nosas casas: o peixe.
Dunha maneira moi dinámica e unha
metodoloxía activa e participativa expúxoselle ao alumnado a importancia dos
nutrientes esenciais que nos proporcionan os alimentos que extraemos do mar, e
defendeuse unha maneira moi saudable de comer peixe e marisco: as conservas.
Fíxose unha pequena aproximación a
algúns dos peixes e mariscos máis coñecidos, os berberechos, os mexillóns, o
polbo e o atún, o que nos permitiu coñecer un pouco máis as súas
características, os beneficios que nos achegan, como se capturan e, nalgúns
casos, como se crían, extraen e como se preparan para as conservas.
E para exemplarizar todo isto, a medida
que se facía a exposición destes contidos, unha cociñeira foi elaborando uns
saborosos bocadillos para o recreo a base de pan, sardiñas en conserva, queixo,
leituga e tomate. Unha mostra do que pode ser unha comida moi saudable, con alimentos
de calidade, fácil de elaborar e riquísima!
Dende o Club de Ciencia, sen dúbida
algunha, pensamos que é un moi bo xeito de achegar ao alumnado ás especies mariñas,
á vez que se fomentan hábitos de vida saudable.