miércoles, 4 de octubre de 2023

Por unha agricultura circular

 

Alumnado de 3ºESO e 1º FPB visitou esta mañá no concello de Oza-Cesuras as instalacións de Labrecos, unha granxa galega que produce de xeito natural e sostible, aproveitando os recursos propios e sen danar o medio.

Os irmáns Iván e Aitor fixéronos unha visita guiada por esta cooperativa que aposta polo cultivo de froiteiras e verduras, e a venda de carne de vacún e ovino en ecolóxico. Explicáronos como producen os seus propios abonos apostando así por un modelo rexenerativo e sostible e por non depender de insumos externos. Os excedentes da horta cómenos os animais e os animais dannos o abono necesarios para a horta co que se pecha o círculo.

Faláronnos das árbores autóctonas (con variedades de mazá que se conservaban ata un ano), de como utilizaban ocas, galiñas, patos ou  para manter limpo o terreo e conseguir así ovos de calidade, da produción das súas propias sementes escollendo entre os mellores exemplares das plantas, do cultivo en bancais con corredores para camiñar polo medio, de cabaciñas, berenxenas, repolos, tomates, etc. Ata puidemos ver un galiñeiro móbil no que había unha galiña piñeira na que se están iniciando!

Oxalá este modelo de gandería e agricultura rexenerativa se estenda por todo o mundo xa que coida do campo, da economía rural, da sostenibilidade do planeta e, sobre todo, do que comemos.

Esta actividade inscríbese dentro programa Para unha transición ecolóxica organizado polo CEIDA. Parabéns por iniciativas deste tipo que nos sensibiliza sobre a soberania alimentaria que garanten unha alimentación segura, nutritiva, sa e de calidade.


martes, 3 de octubre de 2023

Reivindicando a soberanía alimentaria

No día de hoxe o alumnado de 3º ESO e 1º FPB recibiu unha charla impartida por representantes do CEIDA sobre a soberanía alimentaria.  Explicaron en que consiste este concepto e a súa historia. Fixeron unha defensa dos alimentos nutritivos, accesibles e producidos dun xeito ecolóxico, sostible e, na medida do posible, local. Animáronnos a reflexionar sobre os alimentos que consumimos, sobre a súa orixe e  produción e sobre como se venden no supermercado para introducir pequenas accións diarias que modifiquen a situación actual e que implicarán unha mellora na nosa saúde asemade que coidamos o medio ambiente.

É imprescindible ir cara a métodos responsables de produción que promovan a protección ambiental e o benestar animal e, que ademais fomenten a conservación dos recursos naturais. Un proceso que garante a calidade de vida dos pequenos e medianos produtores para preservar un medio rural, social, ambiental e economicamente viable. Nesta liña está a Sociedade Cooperativa Labrecos, que visitaremos mañá e na que nos explicarán como traballan por unha produción ecolóxica e local para proporcionar unha alimentación saudable. 

miércoles, 27 de septiembre de 2023

Talleres Micófilos abren as actividades do Club de Ciencia

 O Club de Ciencia comezou a súa andaina durante a mañá de hoxe con Talleres micófilos impartidos por Miriam da Asociación Medioambiental AMABUL ao alumnado de 1º, 2º e 3º ESO e 1º e 1º e 2º de FPB.

A profesora foi explicando, seguindo os paneis da exposición Wood Wide Web, a rede que dá vida ao planeta, aspectos diversos arredor dos fungos: os distintos tipos, a reprodución, o recoñecemento pola forma, cor ou olor; a súa importancia para ter un terreo fértil, xa que solucionan pragas e suxeitan o solo evitando a erosión; a gran axuda que supoñen para mitigar o cambio climático, mellorar a diversidade e axudan a formar choivas...

Fixo fincapé en cando, como e cantos se deben recoller: hai que ir ao monte con sentidiño e non arrasar con todos porque non se volverían reproducir.

Remataron a actividade cun xogo de memoria con imaxes de cogomelos; con algúns alumnos de 1º ESO continuou a práctica durante o recreo recollendo mostras na nosa carballeira. Miriam entregoulle a cada grupo participante a unidade didáctica-ambiental Os cogomelos como recurso ambiental e pedagóxico a cada grupo. Unidade na que  podemos seguir realizando un achegamento didáctico-activo ao mundo dos cogomelos.

Grazas a Miriam por esta actividade tan amena, didáctica e fundamental para o coñecemento e sensibilización sobre a importancia ecolóxica e ecosistémica dos fungos nos nosos bosques. 

Velaquí vos deixamos unha lembranza fotográfica  cos  cinco grupos.


martes, 26 de septiembre de 2023

Taboleiro mulleres matemáticas

 

Taboleiro mulleres relevantes


    O alumnado de 2º ESO participou nunha actividade que consiste en expoñer as biografías das matemáticas: Teano, Maria G. Agnesi, Sophie Germain e Hipatia. Ademais no taboleiro tamén se poden observar diferentes composicións, retratos e citas de mulleres matemáticas.