lunes, 13 de febrero de 2023

Reto Científico

    Na sesión do Club de Ciencias de hoxe a mediodía os e as intregrantes do mesmo realizaron un reto científico que consistía en identificar cada un dos tres líquidos que tiñan que analizar estudando diferentes propiedades como a densidade, a condutividade, o pH, …. Os líquidos que tiñan a súa disposición para a súa identificación era a auga da billa, auga destilada e auga salgada. Aquel grupo que identificase primeiro e de xeito adecuado cada un deles levou un diploma. 

viernes, 10 de febrero de 2023

Exposición sobre aves mariñas

Compañeiras do mar e do ceo

Este é o título da exposición itinerante que temos estes días no noso Centro e na que a través de seis paneis, se divulga e se pon en valor a importancia da conservación das aves mariñas, como están intimamente ligadas co mar, xa que dependen deste para sobrevivir, así como a súa relación coas actividades pesqueiras. Tamén se destaca Galicia como un lugar clave para a reprodución de certas aves mariñas xa que conta con cinco Zonas de Especial Protección para as Aves das trinta e nove que hai en España.

É importante concienciar o noso alumnado de que as aves son imprescindibles para o medio ambiente, xa que cumpren funcións únicas que non realizan todas as especies de animais. Sen elas poderiamos entrar nun rápido declive social social porque as enfermidades e pragas que se poden xerar son inimaxinables.  Con esta mostra queremos contribuír a que todos e todas protexamos as aves que viven na nosa contorna ou que están de paso, posto que o noso mar é fundamental na ruta migratoria de moitas especies atlánticas. Por iso os distintos grupos visitarana cunha guía do Club de Ciencia para o seu maior aproveitamento. Velaquí tendes fotos da visita de 1º de ESO.

A exposición foi cedida ao Club de Ciencia polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) que promove a educación ambiental en todos os sectores sociais.

lunes, 6 de febrero de 2023

Xogos de mesa reciclados

 

O Club de Ciencia colaborou unha vez máis co Equipo da Biblioteca por unha boa causa: a organización dun obradoiro de xogos de mesa reciclados dirixido ao alumnado de 1º de ESO  para conmemorar o Día da Non Violencia e da Paz.

Deseñaron con chapas, tapóns de plástico, vellas camisetas e cartóns, taboleiros de xogos de tres en raia e das damas coas respectivas fichas; decoraron todo con motivos en defensa da Paz. Ao rematar puideron xogar unhas partidas en total harmonía. Durante os recreos foron moitos e moitas os/as que se apuntaron a botar unha partida.  Que mellor xeito de dar unha nova vida a eses materiais!

miércoles, 1 de febrero de 2023

Reciclaxe de pilas

            Por segundo ano participamos no Concurso Pilabot co obxectivo de realizar unha recollida selectiva de pilas para reciclar e protexer o medio ambiente minimizando a contaminación xerada polos residuos de pilas á vez que podemos gañar un premio. Por iso vos animamos, unha vez máis, a que traiades dos vosos fogares todas as pilas usadas que atopedes e así facer do noso Centro un centro ecolóxico.          

             Xa repartimos cadanseu contedor entre todos os membros da Comunidade Escolar e agora sodes vós os protagonistas, enchéndoos e depositando as pilas no colector que hai na entrada xunto a conserxería. Lembrade que o centro que máis pilas xunte, máis oportunidades de gañar premio terá.

            

lunes, 30 de enero de 2023

Cociña molecular

             Hoxe na reunión do Club de Ciencias elaborouse falso caviar con diferentes produtos  (iogur, zume, infusión, batido de cacao...). Empregando agar-agar como xelificante conseguimos unha textura adecuada e cun contraste térmico fomos capaces de formar boliñas que forman o noso caviar. Unha vez rematada a súa elaboración, levouse a cabo a súa cata para valorar os diferentes sabores.