O alumnado de 2ºESO
viviu hoxe venres unha enriquecedora experiencia na que puido comprobar
como é un día nunha gandería, de onde vén o leite ou a carne de vacún de excelentes calidades e, degustar deliciosos
iogures que proceden das nosas granxas galegas. Visitaron a explotación
gandeira de Colúns (Mazaricos) que agrupa a catro gandeiros que decidiron
unirse para ser máis competitivos constituíndo hoxe unha das explotacións máis
grandes da comarca e un modelo de granxa circular que aposta pola sostenibilidade medioambiental.
Rapaces e rapazas coñeceron as instalacións de máis de 2000 metros cadrados guiados por Graciela e Antonio París -este último un dos donos- que lles foron explicando os labores que nelas se realizan. Coñeceron a zona das vacas de lactación, a sala de ordeño, a zonas das vacas secas e en preparto, 3 silos e unha fosa de xurro cuberta de 3 millóns de litros de capacidade, un tanque frío de 16.000 litros, a nave para maquinaria e cerais e soia...
Puideron comprobar que nesta granxa o confort e benestar
dos animais é un obxectivo prioritario, por algo SAT CIVES é un referente neste
aspecto. Tamén en SAT CIVES coidan moito a calidade da forraxe que parte de
recoller a herba e o millo no seu punto óptimo.
Unha visita pensada para que o alumnado descubra a orixe real dos alimentos, a boa calidade dos mesmos se se pon especial atención na súa produción, o coidado medioambiental que se consegue nunha graxa circular e, como non, unha oportunidade para poñer en valor o rural e amosarlle á rapazada as posibilidades de ter un futuro profesional no campo.
Moitas grazas a Antonio polas súas explicacións, por adicarnos un tempo valioso do seu labor cotián e polo modelo de granxa que defende. Todo un exemplo a seguir!
No hay comentarios:
Publicar un comentario