viernes, 20 de octubre de 2023

Gandeiros/as por un día nunha granxa circular

    O alumnado de 2ºESO viviu hoxe venres unha enriquecedora experiencia na que puido comprobar como é un día nunha gandería, de onde vén o leite ou a carne  de vacún de excelentes calidades e, degustar deliciosos iogures que proceden das nosas granxas galegas. Visitaron a explotación gandeira de Colúns (Mazaricos) que agrupa a catro gandeiros que decidiron unirse para ser máis competitivos constituíndo hoxe unha das explotacións máis grandes da comarca e un modelo de granxa circular que aposta pola sostenibilidade medioambiental.

            Rapaces e rapazas coñeceron as instalacións de máis de 2000 metros cadrados guiados por Graciela e Antonio París -este último un dos donos- que lles foron explicando os labores que nelas se realizan. Coñeceron a zona das vacas de lactación, a sala de ordeño, a zonas das vacas secas e en preparto, 3 silos e unha fosa de xurro cuberta de 3 millóns de litros de capacidade, un tanque frío de 16.000 litros, a nave para maquinaria e cerais e soia...

            Puideron comprobar que nesta granxa o confort e benestar dos animais é un obxectivo prioritario, por algo SAT CIVES é un referente neste aspecto. Tamén en SAT CIVES coidan moito a calidade da forraxe que parte de recoller a herba e o millo no seu punto óptimo.

     Unha visita pensada para que o alumnado descubra a orixe real dos alimentos, a boa calidade dos mesmos se se pon especial atención na súa produción, o coidado medioambiental que se consegue nunha graxa circular e, como non, unha oportunidade para poñer en valor o rural e amosarlle á rapazada as posibilidades de ter un futuro profesional no campo.

Moitas grazas a Antonio polas súas explicacións, por adicarnos un tempo valioso do seu labor cotián e polo modelo de granxa que defende. Todo un exemplo a seguir!


jueves, 19 de octubre de 2023

O que a luz non nos deixa ver

 

            Víctor Tilver, matemático membro do grupo de Calidade do Ceo Norturno,  impartiu ao alumnado de 1º e 2º ESO, un obradoiro no que lles explicou o concepto de contaminación luminosa, as súas causas e as súas consecuencias. O brillo artificial do ceo nocturno non só impide que vexamos as estrelas, tamén afecta a numerosas especies nocturnas e pode ter consecuencias prexudiciais para a saúde humana.  

            Iluminar non sempre é o máis seguro se non se fai correctamente. A luz afecta ás relacións depredador-presa no medio salvaxe, afecta ós neonatos de tartarugas e aves mariñas diminuíndo a súa probabilidade de supervivencia, inhibe a segregación de melatonina e, por iso, o descanso efectivo durante a noite entre outras cousas. A popularidade da luz LED, lonxe de conseguir unha mellora da iluminación pública, está provocando o uso de luces brancas que aumentan a contaminación luminosa indirecta, ao mesmo tempo que crea un efecto rebote polo seu reducido custo que afonda no consumo enerxético excesivo co aumento da contaminación atmosférica e todo por non usar correctamente esta tecnoloxía. 

    É imprescindible para avanzar no coidado do medioambiente e da saúde sensibilizarnos ante este tipo de contaminación do aire, un problema en aumento nos últimos anos.

 

Un medidor de contaminación lumínica no noso Centro

    Hoxe, aproveitando a visita de Víctor Tilver ao noso Centro (que realizou un traballo de concienciación da contaminación lumínica co alumnado de 1º e 2º ESO), instalouse no IES Maximino Romero de Lema un medidor de brillo de ceo nocturno en colaboración coa Universidade da Coruña, que desenvolveu o proxecto para sacar o medidor ao mercado, e o colectivo en transición Calidade do Ceo Nocturno, que a través do seu presidente, coordina a colocación do medidor no centro e a formación ao profesorado para incorporar á docencia o uso dos datos de brillo do ceo co dobre obxectivo de avanzar tanto na avaliación por competencias como na consecuención dos obxectivos da Axenda 2030.