lunes, 26 de mayo de 2025

Reunión terceiro trimestre

 

A MAXIA DA ÓPTICA


O luns 26 de maio, o alumnado do Club de Ciencia de 1º, 2º e 3º ESO participou nunha actividade de óptica. Durante a actividade o alumnado puido comprender o funcionamento do ollo humán, é dicir, como a luz reflectida nos obxectos entra pola pupila sofre a reflexión inicial na córnea e pasa polo cristalino que enfoca a luz na retina. Nela, uns fotoreceptores son os responsables en transformar a luz en sinais eléctricas, que viaxarán a través do nervio óptico ata o cerebro. Isto permitiu comentar as patoloxías máis comúns do ollo (miopía, hipermetropía e astigmatismo) así como o concepto de potencia dunha lente ou dioptrías. Mediante a utilización dun Kit de óptica formado por tres láseres paralelos, uns trasportador e as lentes (unha converxente e outra diverxente) puidose explicar como se corrixen estas patoloxías. Tamén traballouse con outros instrumentos ópticos como as lupas, os telescopios e os espellos curvos. Para rematar a xornada comprobouse o comportamento dos feixes de láseres sobre prismas cadrados, prismas triangulares, espellos planos e láminas polarizadas.   A xornada rematou cuns xogos de lóxica.

 


 

 

 

 

 

Reunión terceiro trimestre

 

EXPERIMENTANDO COS PIGMENTOS VEXETAIS: ANTOTIPIA 


O luns 26 de maio, o alumnado do Club de Ciencia de 1º e 4º participou nun taller que consistía en extraer os pigmentos vexetais das prantas: follas das árbores, lombarda e da remolacha. Unha vez extraído o pigmento, procederon a aplicar a técnica fotográfica da antotipia. Esta técnica consiste en tinguir un papel de acuarela sobre o que se colocaran elementos decorativos como: frores secas, papeis ou cordas a. O obxectivo é que haxa zonas nas que incida a luz sobre o papel e zonas nas que non poida incidir. os pigmentos naturais son fotosensibles, por iso na zona na que lle da o sol vai perder coloración mentres que nas zonas nas que non lle da quedará a silueta do obxecto.

Podedes ver nas fotografías tanto o proceso como o resultado obtido.


 







Ciclo vital vermes de seda

 




Este curso retomas o noso proxecto empregando os ovos que tiñamos gardados do curso anterior nunha caixa as escuras, podremos observas as diferentes fases ata chegar a formación da crisálida, e saída do casulo da bolboreta. Nas imaxes seguintes podedes observar o cambio que foron experimentado ao lonpo da súa vida.









viernes, 16 de mayo de 2025

OBRADOIRO SOBRE A DIVERSIDADE DOS ARTRÓPODOS

 OBRADOIRO SOBRE A DIVERSIDADE DOS ARTRÓPODOS



    O último día da Semana Cultural, o alumnado de 1º ESO participou nun obradoiro dedicado á diversidade dos artrópodos e impartido por Miguel Santamarina.

    Comezou o biólogo e divulgador científico cunha introdución teórica na que explicou que o termo “bicho” non ten ningún valor científico; o que unha persoa pode considerar un “bicho” pode ser, en realidade, un insecto, unha araña, un cangrexo ou outro tipo de ser vivo. Aclarou que todos estes organismos pertencen ao grupo dos artrópodos que teñen como principal característica a presenza dun exoesqueleto articulado, é dicir, unha especie de esqueleto externo que lles dá protección e soporte. Lembroulle ao alumnado a clasificación dos artrópodos segundo o número de patas en catro grandes grupos: insectos insectos (6), arácnidos (8), crustáceos(10 ou máis) e miriápodos (moitas patas repartidas ao longo do corpo segmentado). O entomólogo subliñou a enorme importancia destes seres vivos para o ser humano e para o equilibrio do planeta.

    A continuación chegou a parte emocionante do obradoiro na que puideron tocar ou observar de preto diferentes exemplares destes animais, comentando as curiosidades de cada un deles: cempés xigantes, un cangrexo de terra, unha araña migala, un escorpión, unha vacaloura, un insecto pau, un insecto folla, un saltón, unha vacaloura, bolboretas xigantes...

    Aprenderon que a maioría deles son seres inofensivos e que, contrariamente ao que moitas veces se pensa non representa unha ameaza para as persoas. Iso axudou a que algúns lles perdesen o medo.

    A experiencia foi moi enriquecedora, e permitiu comprender mellor a enorme variedade que existe dentro deste grupo, así como a súa relevancia para o equilibrio natural. Seguro que a seguinte vez que volvan ver un “bicho” na súa casa en vez de esmagalo, collerano e botarano fóra para que poida seguir co seu papel ecolóxico!
















jueves, 15 de mayo de 2025

Física Re-creativa: Luz e cor

 Física Re-creativa: Luz e Cor



José Benito Vázquez Dorrío, catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo, visitounos para dar unha charla na que, dun xeito lúdico, fixo comprender ao alumnado de 1º Bacharelato a física que está presente na luz e nas cores.

Unha vez comprendido o concepto de espectro electromagnético e a importancia da lonxitude de onda da radiación, o alumnado puido experimentar coa luz empregando materiais manipulativos elaborados con obxectos cotiáns de baixo custo, que lles permitiron achegarse a conceptos máis complexos.

Lembrou o proceso que se desenvolve no ollo humano, desde que se observa unha imaxe ata que esta é interpretada polo cerebro, destacando a importancia dos receptores visuais: os conos e os bastóns, responsables de captar a información da cor. Durante as experiencias realizadas, puideron comprobar se presentaban daltonismo mediante a observación de imaxes específicas. Ademais, aprenderon en que consiste o modelo RGB e como, a partir da mestura das súas cores primarias, se obteñen as cores secundarias. Para finalizar esta interesante charla, exploraron como se poden crear sombras de cores, combinando luces de diferentes tonalidades.

Foi unha actividade moi motivadora na que o alumnado participou activamente nos experimentos propostos. Agradecémoslle a Benito Vázquez Dorrío, galardoado no 2023 co Premio Ensino e Divulgación da Física, a súa presenza na nosa Semana cultural na que o Club de Ciencia organizou varias actividades.




miércoles, 14 de mayo de 2025

Visita do IES Concepción Arenal programa Observa_Acción

 VISITA DO IES CONCEPCIÓN ARENAL


Hoxe, 14 de maio, visitáronnos un grupo de profesores do IES Concepción Arenal. Aproveitando a súa visita dentro de programa Observa_Acción cuxo obxectivo é a observación do traballo na aula polo profesorado adquirindo así un coñecemento doutras realidades e a súa aplicación na aula. O Club de Ciencia poido compartir as súas experiencias co profesorado que nos visitaba ensinándolles as actividades levadas a cabo co alumnado nas reunións do Club de Ciencia. 




O mundo segredo do noso can

 O MUNDO SEGREDO DO NOSO CAN

 


 

Outra actividade organizada polo Club de Ciencia levouna a cabo Alejandro Valverde de Budadog, unha escola de educación canina, participou na XIX Semana Cultural cun obradoiro impartido ao alumnado de 1º ESO no que os protagonistas eran Eles: os cans!

Na primeira parte, Álex ofreceu unha charla sobre o mundo canino, na que se exploraron as semellanzas e diferenzas entre os sentidos dos cans e dos seres humanos. Ademais, abordou a comunicación canina, facendo especial fincapé na importancia de saber interpretar os sinais de calma e de estrés que amosan os cans. Durante parte da charla, acompañouno Phoenix, un can tranquilo que semellaba confirmar con actitude serea todo o que o seu dono explicaba, e que se deixou acariciar por algúns dos presentes.

O adestrador de cans subliñou que os cans non só precisan un fogar e alimento, senón tamén atención, compañía e retos que lle permitan desenvolverse plenamente. É aquí onde cobra importancia o agility, unha actividade deportiva que consiste en que o can supere un circuíto de obstáculos guiado polo dono. E así, pasamos á segunda parte, na que a rapazada baixou ao patio para coñecer a Trufa. Alí, Trufa agasallounos cunha demostración das súas habilidades nun pequeno circuíto de agility moi especial, no que os propios nenos e nenas fixeron de obstáculos vivos.

Foi un momento cheo de risas, sorpresa e complicidade. E se non o credes, botádelle un ollo á foto de grupo: Trufa está radiante, orgullosa e feliz!